O concello de Nigrán celebra a Hispanidade cun concerto da coral Marín Códax de Córdoba e Novos Aires de Nigrán

Redacción

O evento terá lugar o luns no Auditorio Municipal, xusto un ano despois de que a coral polifónica nigranesa se trasladase á cidade andaluza para cantar na Mesquita e na Casa de Galicia

“Estamos felices de que grazas a ‘nosa’ coral e á de Córdoba poidamos tender unha ponte cultural e fraternal entre Galicia e Andalucía “, destaca o rexedor, Juan González

O Concello de Nigrán celebrará o luns 12 de outubro a Hispanidade tendendo unha ponte cultural con Andalucía grazas á coral Novos Aires de Nigrán e a Coral Martín Códax da Casa Galicia de Córdoba. A cita terá lugar ás 18:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar aforo. O concerto celébrase xusto un ano despois de que a polifónica nigranesa se trasladase como invitada á cidade andaluza para cantar, entre outros lugares, nun espazo tan emblemático como o Sagrario da Mesquita-Catedral.

“Estamos felices de que grazas a ‘nosa’ coral e á de Córdoba poidamos tender unha ponte cultural e fraternal entre Galicia e Andalucía, este é o mellor xeito de celebrar a Hispanidade”, destaca o rexedor, Juan González, quen precisamente no pasado mes de outubro viaxou coa formación nigranesa para asistir aos concertos e participar na recepción do seu homólogo no consistorio da cidade andaluza. Nesta ocasión, será Juan González quen reciba oficialmente o sábado pola mañá a todos os integrantes da Martín Códax baixo a batuta do seu director, Juan Luis González Delgado, e José Alfredo Oliveira pola parte de Nigrán.

“A Coral Novos Aires é a gran embaixadora cultural de Nigrán e estamos moi orgullosos de que leve o nome do noso municipio por toda a Península Ibérica; estamos moi orgullosos de que ademais fomenten os intercambios culturais con este tipo de iniciativas”, valora o alcalde, Juan González.

25 anos de traxectoria

A Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán, con máis de 25 anos de traxectoria e 51 voces procedentes de Nigrán, Vigo, Baiona e Gondomar, traballa un repertorio variado que vai desde a música sacra e o folclore galego ata a zarzuela, as habaneras e composicións internacionais. Ao longo da súa existencia teñen sido invitados a festivais en toda a península, consolidándose como unha das corais máis activas de Galicia.

Pola súa banda, a Coral Martín Códax, vinculada á Casa de Galicia en Córdoba, é unha referencia cultural da cidade desde a súa fundación en 1996. A súa actividade inclúe concertos líricos, colaboracións académicas e solidarias, e a difusión do patrimonio coral galego e andaluz.

Este evento non é só unha cita musical de primeiro nivel, senon que constitúen unha ponte cultural entre Galicia e Andalucía, xa que compartirán tradicións e repertorios propios de cada comunidade.

Comparte este artigo