A vila énchese para celebrar a tradición do pan

Redacción
  • A Praza do Concello converteuse no epicentro da festa cun amplo programa que incluíu showcookings, degustacións, obradoiros infantís e o concerto de The MusicBox Band.
  • Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño: “O pan é motor e vida do Porriño, un produto con longa tradición que leva o nome do noso municipio con orgullo por todas partes”.

O Porriño volveu demostrar esta fin de semana a fortaleza da súa identidade gastronómica coa celebración da VIII Feira do Pan do Porriño, unha cita xa consolidada no calendario festivo galego que congregou a centos de veciños e visitantes na Praza do Concello arredor dun dos produtos máis emblemáticos da vila, cunha tradición documentada que se remonta ao ano 1600.

Durante toda a xornada do sábado, o centro do municipio converteuse nun grande escaparate da tradición panadeira local. O programa festivo e divulgativo combinou obradoiros de cociña, degustacións de calidade e propostas culturais pensadas para todos os públicos, poñendo en valor o traballo artesanal dos panadeiros e panadeiras do municipio.

A mañá arrincou coa apertura institucional e o protagonismo do folclore e a gastronomía local, destacando os obradoiros de cociña en directo (showcookings) impartidos pola cociñeira Coque Fariña, quen amosou ante os asistentes as múltiples aplicacións culinarias do Pan do Porriño acompañadas de degustacións.

Tradición viva e relevo xeracional

Pola tarde, as actividades orientáronse ao público familiar. De 17:00 a 18:30 horas, a Asociación Pan do Porriño desenvolveu o obradoiro infantil “Peque Pan”, unha iniciativa deseñada para achegar aos máis pequenos o proceso de elaboración artesanal e transmitir ás novas xeracións o valor cultural e histórico do oficio.

A continuación, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Xunta de Galicia, ofreceu a degustación “Experiencias de Calidade”, antes de que a música de The MusicBox Band pusesse o broche final á xornada nunha praza que seguia ateigada de propios e visitantes.

Unha valoración moi positiva desde o Concello

Traspasado o peche da feira, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, fixo un balance inmellorable da xornada: “A resposta da xente superou todas as expectativas. Un ano máis comprobamos que o pan é motor e vida do Porriño, un produto con longa tradición que nos identifica, dinamiza a nosa economía e leva o nome do noso municipio con orgullo por todas partes. Esta feira é a mellor homenaxe a quen mantén vivo este oficio día a día”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, salientou o impacto do evento na promoción da vila: “O balance desta oitava edición non pode ser máis positivo. O Pan do Porriño é un dos nosos grandes recursos turísticos e gastronómicos. Este sábado conseguimos que milleiros de persoas non só gozasen dun produto único, senón que descubrisen o traballo, a paixón e a historia que hai detrás de cada fornada”.

Comparte este artigo