Rosa Montero e Mafalda Santos son as convidadas de honra desta convención nacional que se celebra dende o venres 16 ao domingo 18
Durante tres días Tui converterase no epicentro da literatura fantástica coa celebración da TuidCon HispaCon 2026, a convención nacional deste xénero literario. Dende este venres 16 ata o domingo 18, preto de medio centenar de autores e autoras presentarán na cidade os seus libros ou participarán en conferencias e mesas redondas. Estas serán parte das actividades dun amplo programa que se desenvolverá ao longo de tres días no Espazo Sociocultural e nos edificios Francisco Sánchez e da praza da Inmaculada.
As convidadas de honra da Tuidcon son as escritoras Rosa Montero e Mafalda Santos, representando a calidade literaria en fantasía da península ibérica. Ambas manterán un encontro coa tamén escritora Lola Robles o sábado ás 19 h. Ademais, no Espazo Sociocultural, Rosa Montero ofrecerá unha charla o venres ás 19.15 h e Mafalda Santos fará o propio o domingo ás 11.15 h.
Mariano Martín, Premio Europeo de Ciencia Ficción na categoría de Tradución, estará en Tui profundando na fantasía épica o venres cunha charla titulada “Tres antoloxías históricas e críticas de fantasía épica española” e o sábado abordando “A fantasía épica breve en galego e portugués”. A arquitectura terá tamén un espazo destacado na TuidCon, coas charlas de Javier del Moral ou Cristina Rausell.
Nesta convención terá lugar a presentación “Sombras del Pasado” de Eduardo Gallego e Guillem Sánchez ou “El secreto de la reina” da escritora tudense “Conchi Regueiro”. Tamén terán cabida as obras autopublicadas por Eran Mineri, Amparo Rico, Darkor LF, Nora Ortega Pérez, I.J. Aberasturi, Lucía Román, Neptuniam e Caaryanna Reuven. As editoriais Galaxia, Libros del Salvaje e Cerbero presentarán as novidades editoriais do xénero fantástico.
O sábado Pedro García Bilbao analizará as ucronías na ciencia ficción e formará parte da Aznarcon 2026, unha mesa redonda sobre a saga dos Aznar. Na mesma xornada o portugués Luís Filipe Silva conversará sobre utopías e distopías na ficción científica portuguesa. O galego Ramón Caride presentará na Tuidcon a tradución realizada pola editorial Juglar do seu libro “Exogamia” nunha conversa con Gabriel Romero de Ávila, Miguel García Fernández e Francisco Álvarez “Koki”.
Por outra banda, o teatro estará tamén presente coas charlas de Ana Saiz, Andrea Valeiras, Talita Isla, Inés Galiano, David Fernández ou Elena Torró.
En total son 48 autores e autoras os que se darán cita esta fin de semana na TuidCon HispaCon 2026, que ofrece máis de 40 actividades abertas á cidadanía. A programación completa pode consultarse na páxina web hispacon.org.

