Baiona acolle o Congreso Nacional de Cámpings

Redacción

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, foi o encargado de dar a benvida á localidade dos participantes no Congreso Nacional de Cámpings de España que se celebrará ata o 15 de outubro no Parador de Baiona. Este encontro supón a principal cita do sector en España, e reúne a máis de 300 profesionais do ámbito do cámping e o turismo ao aire libre.

O evento serve para abordar os principais retos do cámping en España, poñendo o foco na dixitalización e na evolución do modelo turístico nos últimos anos. Así, a cita estrutúrase como espazo de encontro, no que compartir experiencias e analizar os desafíos e oportunidades destas modalidades de turismo no contexto actual.

As xornadas inclúen relatorios, mesas redondas e actividades de networking. Ademais, incluíronse actividades complementarias orientadas a enriquecer a experiencia das persoas asistentes e favorecer a convivencia entre profesionais do sector. Entre as accións previstas están a saída en barco e visita guiada ás Illas Cíes, co obxectivo de poñer en valor a contorna natural de Galicia como parte do programa do congreso.

Desde a Federación Española de Cámpings destacan a elección de Galicia e, en concreto,Baiona como sede desta edición precisamente polo valor estratéxico do territorio dentro do turismo de cámping, a súa vinculación coa contorna natural, o litoral e a diversidade de destinos que ofrece a comunidade e o municipio, e valórase que se trata dun contexto especialmente representativo do tipo de turismo que impulsa o sector, baseado na experiencia ao aire libre e o contacto coa contorna.

Comparte este artigo