O Concello de Soutomaior habilita un novo servizo gratuíto para a recollida de restos de pequenas obras no Punto Limpo da Montesiña

Redacción

A iniciativa, integrada na campaña ‘Conscientes. Medra en verde’, permitirá ás persoas particulares empadroadas no municipio entregar ata cinco capachos de escombros procedentes de pequenas reformas, previa comunicación telefónica a Urbaser

O Concello de Soutomaior pon en marcha un novo servizo para facilitar a correcta xestión dos restos de obra procedentes de pequenas reformas nos fogares, co obxectivo de ofrecer unha alternativa á veciñanza para desfacerse destes residuos de maneira adecuada e evitar o seu abandono incontrolado.

A medida enmárcase na campaña municipal ‘Conscientes. Medra en verde’, coa que o Concello busca fomentar hábitos responsables e avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.

O servizo está dirixido exclusivamente a particulares empadroados en Soutomaior e permitirá entregar no Punto Limpo da Montesiña ata un máximo de cinco capachos de escombros procedentes de pequenas obras domésticas. Para facer uso del, as persoas interesadas deberán contactar previamente con Urbaser, no teléfono 986 67 80 46, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas. Unha vez realizada a comunicación, poderán levar os residuos ao Punto Limpo para que se proceda á súa xestión.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de ofrecer solucións prácticas á cidadanía para avanzar na protección do medio ambiente: “Queremos facilitar que as veciñas e veciños poidan xestionar correctamente os pequenos restos de obra que se xeran nas súas casas. Con este servizo ofrecemos unha alternativa accesible para evitar que estes residuos rematen en lugares inadecuados e reforzamos o compromiso do Concello cun Soutomaior máis limpo e sostible”.

Esta iniciativa está pensada para pequenas reformas particulares e que non inclúe os residuos procedentes de obras maiores, cuxa xestión deberá realizarse a través das empresas correspondentes e dos servizos autorizados para este tipo de actuacións.

Con esta nova medida, o Concello continúa ampliando os recursos a disposición da veciñanza para mellorar a xestión dos residuos e promover unha maior responsabilidade ambiental, no marco da campaña ‘Conscientes. Medra en verde’.

Comparte este artigo