O Castelo de Vilasobroso será protagonista da décima edición do Trail de Arcos- José Teixeira

Redacción

• O Club Os Caminhantes do Condado organiza esta cita especial o vindeiro 18 de outubro de 2026, consolidando o evento no calendario autonómico.


• O gran novidade polo seu décimo aniversario, todas as modalidades atravesarán o interior do emblemático Castelo de Sobroso a través dunha porta pechada habitualmente ao público.


• As inscricións permanecerán abertas na plataforma Cronotec ata o xoves 15 de outubro.

O concello de Ponteareas prepárase para vivir unha das súas grandes citas deportivas do ano. O vindeiro domingo 18 de outubro de 2026, a partir das 09:00 horas, darase o pistoletazo de saída á X edición do Trail de Arcos – José Teixeira. Esta carreira de montaña, organizada polo Club Os Caminhantes do Condado, rende homenaxe ao lembrado deportista que dá nome ao evento. Para esta edición especial de aniversario, a organización estima unha participación de entre 450 e 500 corredores de toda Galicia, España e Portugal.

A gran atracción deste ano radica no seu renovado e histórico itinerario. Por primeira vez, todas as modalidades da proba compartirán un feito exclusivo: cruzar o interior do Castelo de Sobroso, saíndo por un acceso que nunca se abre ao público xeral. O epicentro da xornada —tanto para a saída como para a meta— situarase no Centro Cultural de Arcos. Os corredores enfrontaranse a un trazado composto nun 97% por pistas de terra, camiños e sendeiros forestais.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, destacou o valor engadido desta nova ruta polo patrimonio local, sinalando que o feito de que “todas as distancias crucen as entrañas dun monumento tan senlleiro como o Castelo de Sobroso é un atractivo histórico sen precedentes nunha carreira autonómica”. Os atletas “van gozar dun percorrido técnico e esixente polos montes da Picaraña, Coto Landín e o río Xabriña, rodeados de paisaxes únicas que converten a Ponteareas nun referente absoluto do trail running”, engadiu o concelleiro.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, amosou o seu orgullo por acoller un evento que une deporte, comunidade e proxección exterior, `poñendo de manifesto que “chegar á décima edición demostra o arraigo desta proba e o enorme traballo que hai detrás. Para Ponteareas é un privilexio lembrar un ano máis a figura de José Teixeira reunindo a centos de atletas no noso territorio”. Ademais, esta carreira non só pon a proba a resistencia dos participantes, senón que “serve de escaparate perfecto para dar a coñecer a nosa riqueza natural e gastronómica a afeccionados de toda Galicia e do norte de Portugal”, enfatizou a rexedora local.

En detalle

O evento contará con catro modalidades deseñadas para adaptarse a todo tipo de perfís e niveis deportivos. O Trail Longo (26 km) será a proba raíña, cun desnivel positivo de 1.600 metros. Percorrerá enclaves espectaculares como os montes da Picaraña e Monte Landín, o río Xabriña, o Castro de Troña e o Gran Hotel de Mondariz. OTrail Curto (16 km) contará con 1.050 metros de desnivel positivo, ideal para corredores que buscan un reto intermedio compartindo treitos coa ruta principal.

As probas complétanse co Mini Trail (11,5 km), cunha distancia explosiva con 650 metros de desnivel positivo que tamén conectará co Castelo de Vilasobroso, e a Andaina (8 km) cunha ruta de sendeirismo adaptada que levará aos participantes ata o Castelo de Sobroso, ofrecendo a opción de regresar en autobús ou camiñando.

A organización dispuxo un despregamento completo de servizos para o corredor que inclúe vestiarios, duchas, gardarroupa, bolsa de corredor, medallas e un agasallo exclusivo Finisher para quen complete as distancias de 16 km e 26 km. Ao finalizar a xornada, a partir das 14:00 horas, procederase á entrega de trofeos oficial e pecharase o evento cun sorteo de agasallos dos patrocinadores e un xantar final de convivencia na meta.

O prazo para formalizar a inscrición remata este xoves 15 de outubro ás 23:59 horas. As últimas prazas dispoñibles pódense tramitar de forma online a través da plataforma oficial Cronotec (cronotec.es).

Comparte este artigo