O BNG de Poio acusa o goberno de Moldes de manter un “récord” de ocultismo sobre a xestión da Illa de Tambo

Redacción

Caldas denuncia que a comisión de seguimento leva máis de 15 meses sen reunirse e que o PP segue sen facilitar información nin acatar os seus compromisos

O BNG de Poio vén de acusar o goberno local de Ángel Moldes de manter un “récord” de opacidade e falta de transparencia arredor da xestión da Illa de Tambo. A formación nacionalista leva desde hai tempo reclamando a convocatoria da comisión de seguimento, o órgano no que deben abordarse as cuestións relacionadas coa illa e no que os grupos da Corporación poden coñecer a situación e facer seguimento das actuacións. Porén, a día de hoxe, tras 15 meses dende a celebración da anterior, non hai ningunha convocatoria, o que supón unha demora histórica.

A voceira do BNG Marga Caldas considera especialmente grave que o goberno local continúe sen dar resposta ás demandas de información malia que no pleno de maio a concelleira de Turismo anunciara que a comisión se convocaría proximamente e que os informes das escavacións arqueolóxicas se trasladarían aos grupos cando se concretasen os asuntos da orde do día e se entregase a documentación correspondente. Meses despois, os grupos seguen sen recibir eses informes e sen coñecer a data dunha nova reunión.
“O goberno de Moldes ostenta o récord do ocultismo e da falta de transparencia coa Illa de Tambo. Cando estaban na oposición esixían información e reclamaban participación, pero agora que gobernan fan xusto o contrario: pechan as portas, non responden e impiden que os grupos e os colectivos interesados coñezan o que está a pasar”, critica Caldas.

Na súa queixa, o BNG recolle tamén o malestar de colectivos que levan anos a defender Tambo e a traballar pola súa conservación. Cuestionan a falta de actuacións de mantemento e conservación na illa por parte do goberno local, máis alá dunha reparación parcial da varanda do peirao durante o mes de agosto que relacionan cun requirimento da Policía Local. Advirten de que a estrutura de formigón continúa deteriorándose e de que non se retiraron os restos dos temporais nin os eucaliptos que ameazan construcións históricas.

Os mesmos colectivos alertan de que a vexetación e os restos acumulados impiden gozar das vistas desde o miradoiro de poñente e manteñen tapada a fonte. Ademais, expresan dúbidas sobre a entrada dunha empresa cunha ‘minipala’ para realizar traballos, ao non ter constancia da súa finalidade nin de que exista control arqueolóxico para realizalos.

O BNG considera necesario que o goberno local aclare estas cuestións e explique que actuacións se están a desenvolver, con que criterios e baixo que supervisión. A formación lembra tamén que segue sen coñecer o resultado do estudo patrimonial da Xunta, unha información que considera fundamental para avaliar as intervencións e as necesidades de conservación de Tambo. Marga Caldas critica a falta de interlocución do goberno de Moldes. “Non entendemos por que o goberno local non escoita , afirma, subliñando tamén o malestar das persoas usuarias da illa pola retirada dunha placa que, segundo trasladaron ao BNG, lles fora dedicada.

O BNG insiste en que a Illa de Tambo precisa unha xestión rigorosa, transparente e participativa que garanta a conservación do seu patrimonio e permita coñecer as actuacións que se realizan nun espazo de especial valor histórico e natural. Por iso, reclama novamente, unha vez máis, ao goberno de Moldes que convoque de inmediato a comisión de seguimento, entregue os informes pendentes e dea explicacións sobre as intervencións e o estado de mantemento da illa.

Comparte este artigo