A última xornada celebrarase este sábado 17 de outubro, cun roteiro guiado e unha sesión de observación e interpretación do ceo nocturno no miradoiro paisaxístico do Castelo do Faro, en Prado.
O Concello de Covelo celebrará este sábado, 17 de outubro, a última das xornadas de roteiros guiados e observación astronómica programadas no Alto do Castelo do Faro, en Prado, un enclave privilexiado para descubrir o patrimonio natural do municipio e gozar da observación do ceo nocturno.
A actividade comezará ás 18.00 horas coa saída desde a igrexa de Prado para realizar un roteiro guiado ata o Faro. Posteriormente, a partir das 23.00 horas e ata aproximadamente as 02.00 horas da madrugada, Jesús, da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (FeGAR), dirixirá a observación e interpretación do firmamento.
A xornada contará con 30 prazas dispoñibles, divididas en dous grupos de 15 persoas, polo que é necesario reservar previamente. As inscricións poden realizarse a través de Jesús, da FeGAR, no teléfono 622 676 355.
Dado que a actividade se prolongará ata a madrugada e se desenvolverá nunha zona de altitude, recoméndase acudir con roupa de abrigo, luvas, gorro e roupa térmica para gozar da experiencia con comodidade.
A celebración desta última xornada ofrece unha nova oportunidade para achegarse á astronomía, coñecer o entorno natural de Covelo e contemplar o ceo desde un dos puntos máis destacados da provincia para este tipo de actividades.
A actividade está organizada polo Concello de Covelo e financiada pola Deputación de Pontevedra.

