• A alcaldesa, Digna Rivas, cualifica de “afrenta intolerable” o ninguneo da Xunta de Galicia ao Concello de Redondela nas contas de 2027. O municipio, cuarto en poboación da provincia, non aparece nos orzamentos galegos, mentres dous municipios veciños con menos habitantes suman máis de 8 millóns.
• Esta decisión do Goberno galego supón deixar sen financiamento obras urxentes como o cambio do tellado do CEIP de Laredo, con perigo de desprendementos, ou a construción da demandada Escola Infantil de 0 a 3 anos en Chapela.
O Concello de Redondela amosou hoxe a súa máis fonda indignación e rexeitamento ante o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027. O Executivo municipal denunciou publicamente que o Goberno autonómico volve “ignorar e ningunear” as necesidades históricas de Redondela ao consignar “0” euros en investimentos directos para o municipio no vindeiro exercicio, a pesar de ser o cuarto Concello con máis habitantes de toda a provincia de Pontevedra.
A alcaldesa, Digna Rivas, mostrouse contundente ante o que considera un “castigo inxustificado e arbitrario” aos redondeláns. “Deixar a Redondela cun cero absoluto nas contas de 2027 no é un erro administrativo, é unha decisión política que demostra o absoluto desprezo da Xunta de Galicia á nosa poboación”, declarou a rexedora. Rivas engadiu que “resulta inexplicable e moralmente inaceptable que o cuarto municipio da provincia en habitantes non reciba nin un só euro para sanidade, educación ou saneamento”.
Esquecemento de proxectos urxentes
O Goberno local lamenta que as contas autonómicas ignoren, un ano máis, actuacións de extrema necesidade para o benestar das familias do municipio. Entre as ausencias máis graves atópase o cambio do tellado do CEIP de Laredo, unha obra urxente para garantir a seguridade no centro, xa que presenta risco de desprendemento. Así mesmo, os orzamentos de 2027 volven esquecer a construción da escola infantil de 0 a 3 anos en Chapela, unha infraestrutura fundamental e demandada desde hai anos na parroquias.
Un agravio comparativo na contorna
Dende o Goberno local destacan o “sangrante agravio comparativo” que sofren os veciños e veciñas de Redondela ao comprobar as partidas destinadas a Concellos limítrofes e de menor peso demográfico, que si reciben importantes cantidades con 4,9 millóns para centros sanitarios e saneamento, ou 3,4 millóns para infraestruturas hidráulicas e vivenda. A este respecto, a alcaldesa foi moi clara: “Alégrame que os municipios veciños avancen e reciban fondos, pero non imos tolerar que a Xunta nos discrimine desta maneira. Concellos con moita menos poboación reciben investimentos millonarios mentres nós somos borrados do mapa orzamentario”, advertiu Digna Rivas. “Os veciños de Redondela pagan os mesmos impostos, pero a Xunta trátanos como cidadáns de segunda, bloqueando infraestruturas tan esenciais como a escola infantil de Chapela ou as melloras no colexio de Laredo”, denunciou.

