O Concello de Mos inicia a análise das propostas dos Orzamentos Participativos Mos Decide 2027

Redacción

O comité técnico municipal comeza hoxe a revisar as iniciativas presentadas pola veciñanza, paso previo á votación cidadá, que se celebrará do 30 de outubro ao 6 de novembro

Tras o peche onte do prazo de presentación de propostas para a segunda edición dos Orzamentos Participativos Mos Decide 2027, o Concello de Mos inicia hoxe a fase de análise e validación das iniciativas recibidas.

O comité técnico municipal encargarase de revisar as propostas para comprobar que cumpren os requisitos establecidos nas bases, tanto desde o punto de vista legal como técnico e económico. As iniciativas deberán ser de competencia municipal, responder ao interese xeral, describir actuacións concretas e ter un custo non superior aos 200.000 euros destinados a este proceso.

As propostas están dentro das seguintes áreas: obras e equipamento, medio ambiente, deportes, parques e xardíns, educación, política social e benestar, cultura e xuventude.

A votación cidadá, do 30 de outubro ao 6 de novembro

A fase de análise e validación desenvolverase ata o 29 de outubro. A continuación, do 30 de outubro ao 6 de novembro, publicarase a relación de propostas admitidas e abrirase o período de votación.

Poderán votar as persoas maiores de 16 anos empadroadas en Mos, que terán a opción de escoller ata tres propostas. A votación poderá realizarse a través da web municipal, ou presencialmente na Casa do Concello, na Piscina municipal, na Axencia de Colocación e na Biblioteca municipal.

As iniciativas seleccionaranse por orde de votos recibidos ata completar a partida de 200.000 euros, sempre que a súa execución sexa viable técnica e economicamente.

Os proxectos seleccionados incorporaranse aos Orzamentos municipais de 2027, iniciándose posteriormente o procedemento de avaliación, planificación e seguimento das actuacións.

Un proceso que comezou co diálogo coas entidades locais

Nesta segunda edición, o Concello de Mos iniciou os traballos preparatorios cunha rolda de reunións sectoriais con colectivos e asociacións de Mos, co obxectivo de escoitar diferentes sectores do tecido asociativo, social e económico do municipio e favorecer unha participación máis ampla no proceso.

Mos Decide 2027 conta cunha dotación de 200.000 euros para que a veciñanza poida propoñer e escoller actuacións de interese xeral, participando directamente na decisión sobre o destino dunha parte dos recursos municipais.

Comparte este artigo