Marga Caldas esixe explicacións sobre os residuos, a súa xestión e o cumprimento do contrato da obra de COVSA en A Barca e Andurique
A voceira nacionalista preguntará no Pleno por que se están a levar restos de obra a unha parcela municipal de equipamento que debería estar a prepararse para acoller o novo centro de saúde
O BNG de Poio carga contra o goberno de Ángel Moldes e a Xunta de Galicia polo depósito de entullos triturados procedentes das obras da PO-308 na Canteira da Graña, unha parcela municipal de equipamento que debería estar a prepararse para acoller o futuro centro de saúde. A voceira nacionalista Marga Caldas reclama explicacións claras sobre quen autorizou o traslado destes materiais, como se están a xestionar e se se están a cumprir as obrigas ambientais e contractuais da obra que executa COVSA nos ámbitos da Barca e Andurique.
Caldas explica que foi a propia veciñanza a que, tras facer un seguimento dos camións, comprobou que os restos que se estaban a depositar na Canteira da Graña procedían das obras da PO-308. Ante esta situación, o BNG considera imprescindible aclarar que se está a facer con estes residuos e con que autorización se están a levar a unha parcela municipal. A portavoz do BNG considera que tanto a Administración autonómica, como promotora da obra, como o Concello, na súa condición de titular do terreo, teñen que aclarar as súas respectivas responsabilidades. “Estamos a falar de residuos dunha obra pública e dun terreo municipal. É preciso aclaración clara e definitiva de se existe autorización para este depósito, se o destino dos materiais é legal e quen se fai responsable”, sinala.
O BNG esixe á Xunta que explique se existe documentación que acredite a correcta xestión dos entullos. A formación lembra que os contratos das obras públicas deben contemplar as obrigas relativas aos residuos da construción, polo que considera necesario comprobar que a empresa adxudicataria está a cumprir as condicións establecidas e que os fondos previstos para este fin se están a destinar ao que corresponde. “Se a obra ten previsto un orzamento para retirar e xestionar os residuos, hai que explicar que destino se lles está a dar e que documentación acredita que se está a cumprir o contrato”, afirma Caldas. O Bloque reclama tamén ao Concello que aclare se autorizou o depósito.
A formación nacionalista lamenta que esta situación se produza nunha parcela que debería ser unha prioridade para o goberno local pola súa posible utilización para o futuro centro de saúde de Poio. O BNG defende a viabilidade dos terreos da Graña e reclama que se realicen as actuacións necesarias para facelos aptos para acoller a infraestrutura sanitaria, porén, “o alcalde continúa sen dar pasos efectivos para avanzar na preparación da parcela nin para garantir que Poio dispoña dunha localización viable para o centro de saúde”, lamenta a voceira. “Moldes debería estar a traballar para facer posible o centro de saúde na Graña, resolvendo as necesidades de acceso e os servizos que fagan falta en lugar de permitir que agora xurdan interrogantes sobre o depósito de entullos nun terreo municipal destinado a equipamento”, conclúe Caldas.

