Juncal: “Non é admisible que a actividade deportiva se desenvolva en condicións precarias e perigosas”

Redacción

• O concelleiro amosou a indignación e incredulidade do Partido Popular ante o estado de lamentable abandono no que se atopan os vestuarios

• A pasada semana o portavoz e os concelleiros do PP visitaron as instalacións e comprobaron que non estaban en condicións de uso

O Partido Popular de Pontevedra urxe unha solución definitiva e urxente para as instalacións deportivas Chan do Monte de Cerponzóns logo do accidente sufrido por un xogador nos vestiarios da instalación a pasada semana. O concelleiro Guille Juncal considera “inadmisible que a actividade deportiva teña que desenvolverse en condicións precarias e perigosas” nunhas instalacións municipais que se atopan abandonadas polo Goberno de Lores.

“Dende o Partido Popular de Pontevedra, ante o incidente acontecido no campo municipal de Cerponzons, queremos volver a mostrar a nosa indignación e incredulidade ante o estado absolutamente lamentable no que se atopa unha instalación na que realizan actividades deportiva centos de rapaces e rapazas cada semana”, indica Juncal, que recalca que o accidente sufrido pola caída dun azulexo do vestiario da instalación municipal é a gota que colma o vaso do abandono dos complexos deportivos que teñen ao Concello de Pontevedra como titular.

Para Juncal “non é admisible que se desenvolva na nosa cidade, unha actividade deportiva en condicións absolutamente precarias e perigosas que poñen en risco a integridade física dos usuarios e que amosan unha vez máis a absoluta falta de mantemento e inversión en instalacións deportivas municipais”.

Precisamente a pasada semana foi o portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen acompañado polos concelleiros Guille Juncal e Martín Martínez visitaron as instalacións de Cerponzóns e comprobaron de primeira man que non estaban en condicións de uso. A diferencia destaca en que “nin Lores nin ningún dos seus concelleiros foron quen de achegarse ata estas instalacións municipais para comprobar o lamentable estado de conservación no que se atopan”, comenta Juncal.

Esta situación de abandono de zonas deportivas de titularidade municipal xa foi denunciada polo Partido Popular de Pontevedra en numerosas ocasións dende fai anos e, “lamentablemente, dende o goberno local segue a facerse, como en tantas outras situacións, oídos xordos ás reclamacións non só do Partido Popular de Pontevedra, senón dos usuarios das nosas instalacións deportivas”, asegura o concelleiro Guille Juncal.

“O incidente da pasada semana é a gota que colma un vaso xa rebosado que nos obriga como oposición a pedir explicacións ao goberno local e a presentar no próximo pleno municipal unha proposición para esixir, con extrema urxencia, medidas na reforma dos vestiarios”, explica Juncal, para non ter que lamentar ningún outro desagradable incidente como o vivido a pasada semana no campo de fútbol Chan do Monte de Cerponzóns.

Comparte este artigo