As parroquias de Palmeira, Carreira e Castiñeiras foron as primeiras paradas
Ribeira iniciou na fin de semana os obradoiros sostibles de Nadal coa súa impartición nas parroquias de Palmeira, Carreira e Castiñeiras, onde “houbo gran éxito de participación” como destacan os concelleiros Víctor Reiriz e Emilio Pérez, de Medio Ambiente e Limpeza Viaria, respectivamente. No transcurso destes talleres, os asistentes déronlle unha segunda vida, principalmente, a cartón para transformalos en decoración propia destas datas que se aveciñan como, por exemplo, unhas caixas de correo con forma de camión. Os edís salientan que, ademais de ofrecer actividades lúdicas á cidadanía, “estas propostas serven tamén como punto de encontro para veciños e veciñas de tódalas idades e únese aquí tamén o factor medioambiental ao promover as tres R -reducir, reutilizar e reciclar- coa colaboración de Urbaser”.
As seguintes sesións serán en Oleiros, no 4 de decembro, de 18.00 a 21.00 horas, no centro social; en Olveira, no 5 de decembro, de 11.00 a 14.00 horas, na casa da cultura; en Corrubedo, no 5 de decembro, de 17.00 a 20.00 horas, na casa da cultura; en Artes, no 11 de decembro, de 18.00 a 21.00 horas, no centro recreativo; en Ribeira, no 12 de decembro, de 11.00 a 14.00 horas, na Casa da Xuventude; e en Aguiño, no 12 de decembro, de 17.00 a 20.00 horas, na cada da cultura.
Estes obradoiros son gratuítos, se ben requiren inscrición previa vía whatsapp no teléfono 659 647 802, indicando nome e apelidos, dirección, parroquia e contacto. Ofértanse un total de 30 prazas por parroquia e os menores de 10 anos deberán ir acompañados dun adulto.

