O Centro Cultural da Guarda acolle este sábado a comedia “Que farían sen mín”, da compañía Porta Aberta

Redacción

• A cita terá lugar o 28 de novembro, ás 19:00 horas, con entrada de balde


• A representación está incluída no circuíto PONTEESCENA, coordinado entre FEGATEA e a Deputación de Pontevedra

A programación cultural do Concello da Guarda suma unha nova cita teatral este sábado, 28 de novembro, coa representación da obra “Que farían sen min”, a cargo do grupo Porta Aberta.

O espectáculo terá lugar no Centro Cultural ás 19:00 horas e contará con entrada de balde para todos os públicos.

Esta actuación enmárcase dentro de PONTEESCENA, un circuíto cultural impulsado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) e a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello da Guarda. O programa busca dar visibilidade ao tecido asociativo teatral de Galicia, abrir novos escenarios para as compañías e achegar propostas culturais de calidade a toda a provincia.

“Que farían sen min” é unha comedia de enredo para todos os públicos que pon en valor a necesidade de soñar, vivir e amar. A historia céntrase na casa de Ana, onde todo é un sen vivir: a súa filla non pode vivir sen ela, o seu marido non pode traballar sen ela e a súa veciña non pode falar sen ela. Aínda que todo pasa polas súas mans e os anos transcorren sen cambios nunha atmosfera aparentemente tradicional, a inesperada aparición dun amor da xuventude devolveralle a ilusión perdida, poñendo en xaque a rutina do seu fogar.

Comparte este artigo