Pontón recorda o 7-0 do Celta ao Benfica e pide concentrar o voto galego no BNG como “o equipo da casa”

Redacción

Carme da Silva chama a viguesas e vigueses a repetir o resultado do Bloque nas galegas “para facernos valer” en Madrid

“Os galegos e as galegas teñen o noso compromiso de que non imos parar até lograr unha AP-9 galega e libre de peaxes”, afirma a líder nacionalista

A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou no mitin de campaña de Vigo a unha mobilización masiva e a votar orgullosamente como galegos e como galegas este 29N ao BNG, “o equipo da casa”, para “facerse valer” en Madrid.

Pontón recordou que mañá se cumpren 27 anos do 7-0 do Celta ao Benfica, un histórico do fútbol europeo e dúas veces campión de Europea ao que o equipo vigués derrotou nunha noite para o recordo, demostrando que a grandeza non depende do tamaño do rival, senón da confianza nas capacidades propias.

“Ese espírito de afouteza, de orgullo, de confiar nas nosas capacidades é tamén o que podemos levar ás urnas este 29 de novembro porque Galiza ten dereito a aspirar ao máximo, a facerse escoitar, a defender os seus intereses e, sobre todo, a facerse respectar”, proclamou xunto á cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, nun mitin no que tamén participaron o candidato ao Congreso, Roberto Pascual, e o portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas.

A líder nacionalista incidiu en que, ao igual que aquela noite o Celta brillou con luz propia, este 29N “Galiza tamén pode marcarse un gol en Madrid cun apoio histórico ao BNG”. Un apoio histórico que, remarcou, “nos faga vibrar, sentir un tremendo orgullo de país e sobre todo, escribir unha páxina de dignidade e respecto voto a voto, para que Galiza xogue sempre en primeira, tamén á hora de decidir o seu futuro”.

Neste sentido, apelou a que ninguén quede na casa e vaia votar “con orgullo de País” por un BNG que é a única forza política que defende os intereses de Galiza e que tamén é garantía de dereitos, liberdades e unha vida digna para a maioría social.

“Este é o voto que nos vai permitir avanzar con decisión a partir do 29 de novembro porque xógamos o noso peso político en Madrid, xogámonos o noso futuro”, afirmou, para recordar a continuación que aos galegos e ás galegas nunca se lles regala nada en Madrid, polo que, para poder pelexar o seu futuro, a única alternativa posible este 29 de novembro é a papeleta do Bloque.

“Estamos no último cuarto e imos xogar coa camiseta de Galiza este partido porque nos xogamos o futuro da nosa xente”, afondou, para apelar a concentrar no BNG “todo o voto de País, todo o voto da rebeldía e todo o voto do inconformismo” co obxectivo de que os galegos e as galegas se fagan valer, se fagan respectar e que “Galiza conte” nas Cortes para defender os seus intereses da súa xente.

Pontón contrapuxo o compromiso do Bloque na defensa do País cun bipartidismo que só se acorda dos galegos e das galegas cando hai eleccións e, neste punto, recordou a Pedro Sánchez que a histórica rebaixas das peaxes na AP-9 foron grazas á presión e á negociación do BNG plasmada no acordo de investidura, “o PSOE non fai nada por Galiza, obrigámoslle a facer coa forza que nos dan os galegos e as galegas nas urnas”, recalcou.

Así mesmo, tamén subliñou que se hoxe seguimos pagando peaxes é grazas a Aznar, por unha prórroga de 25 anos que ademais é ilegal, pero tamén é certo que nin o PP nin o PSOE queren aproveitar a oportunidade legal que da Europa para ter unha AP-9 galega e libre de peaxes, “como defende o BNG, aquí, en Madrid e en Bruxelas, porque é de xustiza”. “Os galegos teñen o noso compromiso que non imos parar até conseguilo”, comprometeu.

A portavoz nacional tamén criticou ao PP que agora pida o voto para Feijóo pola súa xestión á fronte da Xunta. “Cal é a xestión de Feijóo? Dinamitar a política social de vivenda, recortar na sanidade, recortar en educación, converter a atención ás persoas maiores nun negocio e triplicar a débeda pública deste País”, reprobou a un agora candidato á Presidencia do Goberno central que no se acordou nin unha soa vez de Galiza desde que marchou a Madrid.

Pontón advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e xenocidios como o de Palestina, no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar, mentres se aumenta o gasto militar que favorece “o negocio duns poucos” a costa dos conflitos bélicos.

Neste sentido, criticou tamén ao autodenominado goberno máis progresista da historia que incrementara o gasto militar até os 35.000 millóns, mentres só destina 840 millóns ás políticas de vivenda. “É dicir, 25 veces máis para armas que para políticas de vivenda”, reprochou. Un gasto militar, remarcou, que o PP quere elevar aínda máis, até os 50.000 millóns, o que traería como consecuencia máis recortes na sanidade, na educación ou nas pensións, exemplificou.

A líder nacionalista reafirmou neste contexto as prioridades do Bloque: políticas públicas de vivenda, salarios e pensións dignas, servizos públicos fortes e emprego de calidade. “Máis gasto social e menos gasto militar”, resumiu, para chamar a concentrar no BNG todo o voto que en Galiza quere frear esta escalada belicista e que os recursos públicos se destinen a mellorar as súas vidas e non a alimentar a guerra.

“Non imos dar nin un paso atrás na defensa dos servizos públicos, como tampouco da clase traballadora e das mulleres”, afirmou fronte aos que, como Rueda, cuestionan o dereito das traballadoras e traballadores que están enfermos a coller unha baixa laboral ou aos que “queren levar atrás” ás mulleres. “Non imos permitir nin un só paso atrás porque os nosos dereitos non se tocan”, proclamou.

Pontón criticou un modelo que concentra a riqueza nuns poucos e crea máis desigualdade e pobreza entre clases sociais, pero tamén entre pobos e, nesta liña, recordou que todas as nacións e territorios perderon peso relativo na riqueza do conxunto do Estado salvo Madrid, o que evidencia un deseño centralista que apelou a romper votando ao Bloque.

“Se queremos mudar esa realidade, se queremos que Galiza teña investimento, teña infraestruturas, teña servizos públicos ou teña máis recursos para vivenda, o próximo 29 de novembro temos que facernos valer coa papeleta do BNG para defender o noso futuro”, concluíu.

Repetir o resultado en Vigo das eleccións galegas
Pola súa parte, Carme da Silva chamou ás viguesas e vigueses a volver coller a mesma papeleta do BNG que nas pasadas eleccións galegas para repetir aquel resultado cunha mobilización masiva que permita dar un salto no peso político de Galiza en Madrid.

A nacionalista subliñou que “se fomos capaces de facelo nas galegas, podemos volver facelo o 29N. Precisamos concentrar todo o voto galego, todo o voto de quen quere que Galiza sexa respectada e que non se decida por nós sen contar con nós”, afirmou.

A candidata advertiu de que o bipartidismo pretende que todo siga igual, alternándose sen dar resposta aos problemas reais da xente, mentres Galiza continúa a ser discriminada e perde oportunidades. Fronte a esa dinámica, reivindicou o BNG como a forza que leva no seu ADN a defensa dos intereses do País e que xa demostrou que non defrauda.

Da Silva subliñou que agora é necesario dar un novo salto e conseguir máis peso político para condicionar as decisións que afectan á cidade e ao conxunto do País. Destacou que Vigo precisa un tren de proximidade que conecte a cidade coa súa área, a saída sur (que leva en estudo dende hai máis dun cuarto de século), unha AP-9 galega e libre de peaxes, vivendas dignas e políticas que protexan o emprego e as actividades estratéxicas que sosteñen a economía da cidade e do país, como a pesca, o naval ou a automoción. “Para conseguir todo iso necesitamos máis forza en Madrid, un BNG máis forte”, subliñou.

A candidata apelou á mobilización e a concentrar o voto galego na papeleta do Bloque para que Galiza poida contar e facer valer os seus intereses. “Cada escano do BNG é un escano para Galiza, para defender os nosos dereitos, para conseguir investimentos e para que Vigo non quede atrás. Temos diante unha oportunidade histórica para facernos valer. A nosa papeleta é a do BNG”, exhortou ás viguesas e vigueses.

Da Silva tamén fixo un chamamento ás mulleres para que se mobilicen mañá nas rúas con motivo do 25N. Afirmou que nun momento no que medran os discursos reaccionarios e as ameazas de involución é fundamental a mobilización para demostrar que non se vai asumir dar nin un paso atrás. “Non podemos actuar co medo de quen nos quere facer retroceder. Ás mulleres galegas non nos para ninguén”, concluíu.

Comparte este artigo