Home A Coruña San Sadurniño, Moeche e Cerdido alíanse para concorrer ás axudas do Convenio...

San Sadurniño, Moeche e Cerdido alíanse para concorrer ás axudas do Convenio de Transición Xusta das Pontes

- Anuncio -

A alcaldesa de Moeche e os rexedores de San Sadurniño e Cerdido reuníronse esta mañá para empezar a definir proxectos de interese para os tres municipios susceptibles de obter finanzamento no marco dos convenios de transición xusta postos en marcha polo Estado para compensar o impacto socioeconómico do peche de centrais nucleares ou térmicas, como é o caso da das Pontes. A xuntanza de hoxe foi unha primeira toma de contacto entre os consistorios para establecer unha estratexia común á que logo se lle dará forma con propostas máis detalladas e xa cuantificadas que se reunirán nun único documento co que concorrer á convocatoria. As principais son o impulso ás infraestuturas turísticas relacionadas cos recursos do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal no ámbito dos tres concellos, pero tamén levar a cabo actuacións compartidas no tocante a servizos básicos.

No encontro presidido por Beatriz Bascoy, Secundino García e Benigno Galego tamén participaron a concelleira de desenvolvemento local de Moeche, Cristina García, e o técnico desta área en San Sadurniño, Ignacio Fernández, ademais da consultora GoodLife que se encargará de sistematizar e dárlles forma ás propostas que logo se trasladarán á solicitude.

Os denominados Convenios de Transición Xusta oriéntanse á reactivación económica e sustentable daquelas zonas afectadas polo peche de centrais de carbón ou nucleares e, neste sentido, os 14 concellos do ámbito de influencia da térmica das Pontes -11 do norte da provincia da Coruña e 3 de Lugo- poderán acollerse a unha primeira convocatoria lanzada a finais de decembro polo Ministerio para a Transición Ecolóxica aproveitando os fondos Next Generation.

O orzamento global para todo o Estado son 91 millóns de euros, que se distribuirán en réxime de concorrencia competitiva -seguindo criterios de avaliación concretos- entre aquelas iniciativas mellor puntuadas que poidan propor os 184 municipios españois incluídos nos procesos de transición xusta.

As achegas poden cubrir o 100% dos investimentos e as actuacións elixibles han de axustarse a unha grande epígrafe denominada “infraestruturas sociais, dixitais e medioambientais”, dentro da que hai cabida para múltiples proxectos, entre eles os relacionados con equipamentos sociais; os necesarios para a prestación de servizos públicos; os que faciliten o emprendemento, a formación ou a transformación dixital ou os que se centren no desenvolvemento turístico e a posta en valor do patrimonio natural.

Os concellos disporán de 60 días para presentaren as súas propostas unha vez que o ministerio active a plataforma de solicitude. Ese rexistro virtual non entrou en funcionamento por agora, pero os municipios xa están empezando a darlle forma ás ideas que incluirán nas súas peticións.

No caso de Moeche, San Sadurniño e Cerdido hoxe puxéronse enriba da mesa varias posibilidades co obxectivo de postulalas de maneira conxunta. Entre as ideas que se afinarán nun próximo encontro están a de reforzar as infraestruturas turísticas e o patrimonio natural e xeolóxico vinculado ao Xeoparque do Cabo Ortegal, por ser os tres municipios os que compoñen a parte interior do seu ámbito, moito menos coñecida que a parte costeira. Un segundo grande apartado refírese á mellora de servizos básicos, como por exemplo a implementación do equipamento orientado á recollida selectiva do lixo ante a inminente chegada do colector marrón dos resíduos orgánicos.

Segundo comentaba esta mañá a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, a fórmula de colaboración “entre concellos pequenos” ampliaría as posibilidades de obter finanzamento para as accións que se pretenden levar a cabo. “Presentar proxectos entre varios municipios é algo que se valorará á hora de asignar os fondos. Ademais ten toda a lóxica que non unamos por ser os tres territorios limítrofes, por ter unha estrutura social e económica similar e por compartir obxectivos e necesidades comúns”, apunta a rexedora.

Pola súa banda Secundino García sinalou que no caso das propostas asociadas ao proxecto do xeoparque “ser xa unha das dúas candidaturas oficiais por parte do Estado Español perante a UNESCO é un factor que o Ministerio de Transición Ecolóxica debería ter en conta na súa valoración”. García engadiu, ademais, que os argumentos e estratexias para que o territorio obteña o distintivo internacional “coinciden plenamente cos obxectivos desta convocatoria para a transición xusta, as actuacións que queremos propoñer encaixan perfectamente e poden contribuír a dinamizar a nosa zona”.

Tanto o alcalde de San Sadurniño como a rexedora de Moeche puntualizaron, por último, que as accións concretas que se trasladarán finalmente ao proxecto “temos que definilas e cuantificalas. Teñen que ser propostas realistas e cunha xestión posterior que sexa asumible”.

Á primeira reunión de traballo entre Cerdido, Moeche e San Sadurniño tamén asistiron representantes de GoodLife Consultores, co obxectivo de que a empresa ofreza apoio técnico na redacción do proxecto final co que os tres municipios concorrerán conxuntamente á primeira convocatoria de axudas dos Convenios de Transición Xusta.

Relacionadas

A Xunta activa na Coruña a tarxeta Xente Nova no móbil para facilitarlle á...

0
— A nova aplicación, dispoñible para os dispositivos de Android e Apple, elimina a necesidade de utilizar o cartón, ter saldo e recargar — Estará...

Quérote-Fest, o xoves 2 de maio no Parque da Lagoa de Mera

0
O Parque da Lagoa de Mera acollerá o xoves 2 de maio o programa Quérote-Fest, no que actuarán unha selección dos mellores artistas e...

Empresariado da Pobra interesouse polos servizos de dixitalización que ofrece o Concello a través...

0
A cooperativa Kracia presentou ante empresariado da Pobra os servizos de balde para a transformación dixital aos cales pode optar: redes sociais, publicidade, creatividade...

“Neda a petiscos” bota a andar esta fin de semana coas cinco primeiras degustacións...

0
O Concello subministrará aos establecementos de hostalería participantes os produtos que servirán gratis coas consumicións Mañá sábado arranca “Neda a petiscos”, a campaña promovida polo...

O Muíño de Fonte da Balsa recuperase para os veciños grazas a unha iniciativa...

0
∙ Os populares esperan que a reparación teña lugar “canto antes, para que todos podamos volver gozar desta contorna de gran valor natural e...

Unha festa post-regata animará a noite previa á final do Campionato de España de...

0
A Pobra vivirá nesta fin de semana o Campionato de España de Bateis. No sábado 27 disputaranse as eliminatorias, mentres que a final se...

Publicacións Relacionadas