Tui recibirá 105.000 € para realizar melloras na pista polideportiva de Randulfe e Vilagarcía de Arousa 180.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de Berdón
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíu xa 2,4 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 280.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Tui e Vilagarcía de Arousa acometan melloras nos seus equipamentos. O presidente da institución provincial, Luis López, detallou que Tui recibirá 105.000 € para realizar melloras na pista polideportiva de Randulfe e Vilagarcía 180.000 € para a reposición do céspede artificial no campo de Berdón.
O Concello de Tui destinará esta achega de 105.881 € a mellorar unha instalación que, na actualidade, debido ás súas características construtivas e á climatoloxía do lugar no que se localiza, sufre da formación de condensacións superficiais en diferentes zonas, chegando a impedir incluso a utilización do pavillón por parte dos escolares. Para arranxar estas deficiencias, o proxecto contempla o cambio da cuberta da pista deportiva e a substitución de parte dos elementos existentes na fachada por unhas rexiñas que permitan realizar unha ventilación natural do espazo.
No que respecta a Vilagarcía de Arousa, “o concello que se beneficiou da contía máis elevada do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas”, tal e como recordou o presidente provincial, poderá afrontar cos 176.336 euros dos recursos provinciais a reposición do céspede artificial no campo de fútbol de Berdón.
Ata o de agora, a Deputación de Pontevedra aprobou xa preto de 2,4 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Temos superado o ecuador deste programa co que reafirmamos o noso compromiso co deporte e a mellora das instalacións deportivas desta provincia”, remarcou Luis López. Deste xeito, ademais de para Tui e Vilagarcía de Arousa, tamén se destinaron recursos aos concellos da Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova.

