A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
A deputada provincial Belén Cachafeiro acaba de realizar unha visita a Silleda, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a reforma da Praza da Igrexa. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 192.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 898.537 € e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 628.976 €.
A deputada deu conta dos traballos que Silleda levará a cabo con estes fondos provinciais que permitirán transformar a Praza da Igrexa. Trátase dunha completa actuación na que se nivelará o terreo, se procederá á substitución do pavimento e mobiliario deteriorado por outros que garantan a accesibilidade e seguridade das persoas usuarias e se instalarán novos xogos infantís con elementos para a cativada con mobilidade reducida. A actuación complétase coa mellora da recollida e evacuación das augas pluviais e coa incorporación de zonas axardinadas, papeleiras e luminarias.
Belén Cachafeiro subliñou que o Plan +Provincia é “o mellor exemplo de que a Deputación sempre está do lado dos concellos, escoitando as súas demandas e facendo fronte os seus proxectos para transformar a calidade de vida dos nosos veciños”. Tamén recordou a deputada provincial que con este programa “estamos a impulsar actuacións tan importantes como a que hoxe anunciamos en Silleda, que non só modernizan as nosas vilas e pobos e melloran a calidade de vida da súa veciñanza, senón que promoven o avance do conxunto da nosa provincia”.