O grupo actuará no parque da Xunqueira ás 23:00 horas como un dos pratos fortes das Festas de Santa Rita da localidade
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 24 de maio a Vilagarcía de Arousa un concerto de The Rapants enmarcado na nova edición de +Música, o programa co que a institución provincial colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no parque da Xunqueira a partir das 23:00 horas e será un dos pratos fortes da programación das Festas de Santa Rita da localidade.
The Rapants é unha das bandas máis populares do momento, cunha proposta de indie e garage que achega frescura ao panorama musical galego con temas animados e directos enérxicos. O grupo presentará en Vilagarcía algúns dos seus temas máis populares nun espectáculo sen complexos, con moitos “riffs” e bailes descarados.
O concerto de The Rapants é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.