Home Deputacións Deputación Pontevedra Deputación de Pontevedra e CSIC intervirán en oito xacementos da provincia

Deputación de Pontevedra e CSIC intervirán en oito xacementos da provincia

- Anuncio -

As actuacións son o resultado da convocatoria aberta aos concellos na que foron seleccionados Cambados, Catoira, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Mondariz, Oia e Vilagarcía

As institucións difundirán o patrimonio arqueolóxico cun ciclo de conferencias e unha exposición permanente no Pazo de Liñares co material recuperado en Bendoiro (Lalín)

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o investigador do CSIC-INCIPIT César Parcero presentaron hoxe en rolda de prensa o proxecto que ambas institucións van desenvolver neste 2023 e 2024 –do que Parcero é ademais coordinador– no marco do convenio para a realización de actividades para a difusión, protección e fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia, dotado de 270.000 euros. Constará de intervencións en espazos de interese arqueolóxico, charlas e conferencias e a recuperación de materiais do Castro de Bendoiro.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou o proxecto como “dun enorme valor” e asegurou que a institución está “encantada de traballar co INCIPIT para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da provincia, que é marabilloso e único”. A presidenta avanzou que “este proxecto terá continuidade, porque todo o traballo desenvolvido deunos moito coñecemento”, e lembrou a ligazón entre este e a campaña turística 2023 ‘Orixe Rías Baixas’. “Hai centos e miles de anos aquí xa houbo xente que deixou a súa cultura ou o seu patrimonio. Recuperamos a orixe da man dunha institución con moito coñecemento acumulado, que nos permite facer as cousas ben”, concluíu. A presidenta tamén puxo en valor o “carácter democrático” do proxecto, xa que “contactamos cos concellos con xacementos para informalos do proxecto, e aqueles que mostraron interese foi cos que acordamos os lugares de intervención”. Pola súa banda, o coordinador César Parcero asegurou que este convenio “é unha achega moi interesante, por parte dun organismo público, para axudar os concellos e a cidadanía a coñecer mellor os sitios patrimoniais do seu arredor e darlles un valor social que enriqueza as súas formas de vida”.

Tres liñas de actuación para afondar na riqueza arqueolóxica da provincia
A principal liña de actuación incluída no actual proxecto é a de intervención en espazos de interese arqueolóxico da provincia. Entre 2023 e 2024, o persoal do INCIPIT fará oito actuacións de campo, catro xa neste ano na Illa de San Sadurniño (Cambados), as Torres de Oeste (Catoira), Castrolandín (Cuntis) e os Chozos do Alén (Fornelos). Xa no 2024 actuarase no Castro de Garellas (Forcarei), os Petróglifos de Gargamala (Mondariz), o Cano dos Mouros (Oia) e Castro Alobre (Vilagarcía).

Os xacementos foron escollidos entre as propostas que presentaron os concellos a unha convocatoria aberta, transparente e con concorrencia competitiva. Serán intervencións de mínima invasión, capaces de proporcionar información sen producir grandes impactos con técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas do subsolo. Ademais, estudaranse materiais de intervencións recentes, ou que se conserven en museos da provincia (Museo de Pontevedra), organizaranse charlas ou visitas guiadas e tamén montaxes expositivas.

A segunda liña é a de charlas e conferencias para a divulgación do coñecemento científico á sociedade en sete centros de ensino e dous centros públicos. Carlos Otero Vilariño impartirá a conferencia “Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica)” no IES de Vilalonga (Sanxenxo), César Parcero as conferencias “Vivindo no deserto 1000 anos atrás” no IES Pazo da Mercé (As Neves) e “Enigmáticas marcas arqueolóxicas na paisaxe… ou non tanto” no IES de Coruxo en Vigo, e Xosé Lois Armada falará sobre “Ovellas, touros e porcos: Sacrificios de animais na idade de Ferro” no IES Val do Tea (Ponteareas) e sobre “Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos” no Pazo de Liñares (Lalín). Ademais, María G. Faro intervirá no IES de Poio para falar sobre “Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro”, Cristina Incio del Río versará sobre a “Arqueoloxía dunha aldea abandonada: As paredes vellas de Silvaescura” no IES Chano Piñeiro (Forcarei), Noemí Sánchez Silva impartirá a conferencia “Actividade metalúrxica e contaminación atmosférica desde a Prehistoria” no IES San Paio (Tui) e, por último, Laura Muñoz Encinar celebrará a conferencia “Baixo terra: Investigando os conflitos do pasado contemporáneo” na sede da Deputación en Vigo.

Por último, Deputación e INCIPIT-CSIC colaborarán para estudar e restaurar unha selección de materiais procedente das intervencións efectuadas no Castro de Bendoiro (Lalín) en 2006 e 2007, cos que se elaborará unha exposición no Pazo de Liñares. A mostra é moi representativa dos asentamentos humanos na comarca de Deza, onde se atopan xacementos ocupados durante períodos extensos de tempo, e inclúe un arame de ouro, un brazalete de cobre, fíbulas ou colgantes de bronce, unha moeda romana ou vasos cerámicos. Estes materiais son de diversas épocas, como o Calcolítico, a Idade de Ferro ou o mundo romano.

César Parcero detallou esta actuación, xurdida a raíz dos traballos do AVE. “Queremos recuperar os materiais para que se poidan expoñer permanentemente no Pazo de Liñares. É o lugar natural onde ser expostos e gozados pola cidadanía, xa que é o máis próximo a onde foron atopados e onde podemos ofrecer un relato moito máis interesante”, asegurou. Parcero puxo en valor algúns exemplos como os obxectos elaborados con materiais metálicos menos habituais (o arame de ouro ou o brazalete de bronce) “xa que non son da época castrexa pero apareceron na súa contorna, o que nos levou a formularnos a pregunta de que facían materiais tan antigos, de mil anos antes, nese lugar: probablemente fose un lugar de enterramento dunha ocupación anterior”, sinalou.

Relacionadas

O Alcalde Luciano Otero Apoia a veciñanza na Loita pola EP-2702

0
No día de hoxe, o Alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, asistiu ao pleno da Deputación de Pontevedra acompañando aos verdadeiros heroes: os...

A Deputación financiará integramente dous proxectos de modernización de instalacións deportivas no Grove e...

0
No Grove financiará o 100% do acondicionamento do pavillón de deportes do CEIP Plurilingüe Conmeniño, que ascende a 303.000 €, e en Vilanova a...

Os licores espirituosos de Pazo de Valdomiño contan xa co selo de Garantia Galicia...

0
Ana Méndez, xerente do organismo da Xunta de Galicia, destaca o esforzo desta destilería para elaborar licores de calidade partindo da mellor materia prima A...

A Campaña de Verán da Xunta de Galicia presenta un Campo de Voluntariado nas...

0
• Conta con 20 prazas para participantes de 18 a 30 anos e desenvolverase entre o 23 de xullo e o 3 de agosto •...

Cuntis habilita un novo punto de recarga para vehículos eléctricos na Rúa Xoán Xesús...

0
• O dispositivo leva en funcionamento desde hai aproximadamente un mes e foi adquirido e instalado polo Concello a través de fondos propios, sumándose...

A Deputación investirá 150.000 euros na dotación de illas ecolóxicas e na instalación de...

0
Estas iniciativas, enmarcadas no proxecto “Da túa man” (rural), beneficiarán a Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e...

Publicacións Relacionadas