Luis López anima a todos os amantes do ciclismo a participar na Copa Galicia BTT 3H Resistencia de Vilagarcía

adminON
Lectura mínima de 2

O Pazo provincial acolleu a presentación dunha cita que chega por vez primeira á provincia o vindeiro 11 de febreiro de man do Club Ciclista Arousa Bike BTT

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este venres a presentación da Copa Galicia BTT 3H Resistencia Vilagarcía, que terá lugar o vindeiro 11 de febreiro e está organizada polo Club Ciclista Arousa Bike BTT e a Federación Galega de Ciclismo. No acto, o presidente provincial, Luis López, animou aos amantes do ciclismo a participar e incidiu na importancia de que a comarca de Arousa acolla unha cita como esta. “Estou seguro de que vai ser todo un éxito xa que o marco da proba, polo monte Xiabre, é incomparable”, asegurou.

Para a Deputación de Pontevedra é fundamental apoiar á Copa Galicia BTT pois, en palabras do presidente, “o deporte é o motor de desenvolvemento da provincia, é unha aposta firme desta institución e non soamente a través do apoio e organización de eventos, como esta proba, ou o regreso da Vuelta a España á provincia en agosto, ou o Gran Camiño, senón tamén a través do impulso ás infraestruturas e equipamentos deportivas”.

A de Vilagarcía de Arousa, que transcorre polo monte Xiabre, concretamente nun circuíto de seis quilómetros próximo ao embalse de Castroagudín, é a quinta e última cita da terceira edición da Copa Galicia BTT 3H Resistencia, tras pasar por Lousame, Noia, Muros e Camariñas. Este é o primeiro ano que a provincia de Pontevedra acolle unha das súas probas, cun percorrido no que ademais se coroarán aos gañadores da copa.

No acto de presentación desta cita deportiva, que conta co ciclista Gustavo Veloso como padriño e na que participarán caras coñecidas como o actor e humorista David Amor, o presidente tamén remarcou o papel de Arousa Bike BTT que, nos seus poucos meses de vida, colle as rendas da organización da Copa Galicia BTT 3H Resistencia en Vilagarcía.

Comparte este artigo