- Concello renderá homenaxe aos matrimonios do municipio que cumpren 50 anos de vida en común nun acto emotivo na Praza do Concello.
- As parellas que por causas persoais non poidan acudir ao acto recibirán a visita do Alcalde, Horacio Gil, nos seus fogares para felicitalas e facerlles entrega dos agasallos conmemorativos.
Un ano máis, o Concello de Arbo organiza a tradicional e emotiva celebración das Bodas de Ouro, un acto moi arraigado na vila no que se rende unha merecida tributo ás parellas do municipio que cumpriron ou cumpren este ano medio século de matrimonio.
Nesta edición, un total de 22 parellas están chamadas a participar nunha xornada pensada para recoñecer a súa traxectoria de vida en común, o seu compromiso e a súa achega á comunidade. O acto central terá lugar o vindeiro domingo, 2 de agosto de 2026, ás 21:00 horas na Praza do Concello.
Durante o desenvolvemento da cerimonia, faráselle entrega a cada unha das parellas homenaxeadas dunha placa conmemorativa en recoñecemento aos seus 50 anos de amor e convivencia, xunto cun pin institucional do Concello para os señores e un ramo de flores para as señoras. A velada contará ademais coa animación e o acompañamento musical do grupo Trobeiros da Ponte, que amenizará este encontro tan especial para os veciños e as súas familias.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo expresar a súa máis sincera gratitude e felicitación a todas as parellas protagonistas desta edición: “Alcanzar os 50 anos de matrimonio é un fito extraordinario que merece todo o noso respecto, admiración e agarimo. Para o Concello de Arbo é un verdadeiro orgullo poder organizar un ano máis esta homenaxe a 22 parellas que representan os mellores valores da nosa sociedade: o amor, a lealdade, a comprensión e o traballo conxunto ao longo de toda unha vida. Quero agradecerlles de corazón a súa participación e a súa boa acollida a esta iniciativa, así como a presenza das súas familias, que son o mellor testemuño do seu legado.”
Ademais, o rexidor municipal adiantou que o Concello terá un xesto especial con aqueles veciños que non poidan desprazarse á Praza do Concello o día da celebración
Dende o Concello de Arbo convídase e anímase a todos os veciños e veciñas do municipio a achegarse á Praza do Concello o vindeiro 2 de agosto para arroupar e acompañar ás parellas homenaxeadas nun acto tan significativo, emotivo e cheo de agarimo para a nosa comunidade.
DATOS DO EVENTO
Evento: Celebración das Bodas de Ouro de Arbo
Data: Domingo, 2 de agosto de 2026
Hora: 21:00 horas
Lugar: Praza do Concello de Arbo
Actuación musical: Trobeiros da Ponte

