Unha decena de artefactos e 54 tripulantes protagonizarán este domingo o “Flota como Poidas” do concello de Nigrán

Redacción

As ‘pseudoembarcacións’sairán ás 18:00 horas desde a rampla da Foz aproveitando a marea alta e, ao rematar, terá lugar no escenario ao aire libre o concerto de ‘Stoned at Pompeii’

Unha decena de ‘barcos tolos’ e 54 tripulantes protagonizarán este domingo 2 de agosto a xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” do Concello de Nigrán chamada ‘Flota Como Poidas’. A saída destas ‘pseudoembarcacións’ terá lugar ás 18:00 horas desde a rampla da Foz (rúa Foz número 12, ao carón do escenario ao aire libre) e de remate final, ás 19:30 horas, o Concello ofrecerá o concerto de ‘Stoned at Pompeii’ no escenario ao aire libre desta contorna. Entre tódolos participantes sortearase un kayak e os premiados levarán cadansúa cesta de froitas e o seu diploma e agasallo sorpresa.

As risas estarán máis que garantidas no ‘Flota como Poidas’, onde coma sempre, premiarase o artefacto flotante máis ‘currado’ e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e o clásico galardón “Titanic” para o primeiro que afunda.

Entre os 54 tripulantes inscritos o rango de idade oscila desde os 9 ata preto dos 60, sendo o ‘El bando’ o ‘barco tolo’ máis numeroso con 13 mariñeiros a bordo. Non faltarán os habituais ‘Chuzas’, esta vez baixo o nome de ‘Os Chuzas en busca de Terians’. Xunto a eles haberá artefactos con nomes tan prometedores como ‘Cutrellas’, ‘La granja de Loli’ , ‘Floti Rosa’, ‘Pato Parato’ , ‘Parchis chis chis’, ‘Prenderti in giro’, ‘Sorpresa’ e ‘Viaje al país de nunca jamás’.

Comparte este artigo