A celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia, terá lugar os días 28, 29 e 30 de agosto no recinto amurallado de Salvaterra de Miño
Achégase unha nova edición da Festa do Viño do Condado do Tea, que este ano celebrará a súa LXVII edición os días 28, 29 e 30 de agosto no recinto amurallado de Salvaterra de Miño. A segunda festa do viño máis antiga de Galicia, declarada de Interese Turístico de Galicia, volverá reunir durante tres xornadas a veciñanza e milleiros de visitantes arredor dos viños do Condado do Tea, a gastronomía, a música, a cultura e a tradición.
A LXVII edición continuará apostando pola ampliación do espazo a todo o recinto amurallado, unha das principais novidades da pasada edición debido á gran afluencia de público. O recinto ampliábase a toda a Muralla, contando tamén con espazo de mesas na Praza do Castelo e un segundo escenario, unha fórmula que resultou un éxito en 2024 e que permitiu acoller con maior comodidade o gran número de asistentes.
Festa continúa medrando tamén no número de adegas participantes, cun total de 29 adegas e máis de 100 referencias de viños, unha cifra récord para o evento. A oferta completarase con postos de comidas que darán servizo aos espazos de mesas habilitados en ambos os puntos do recinto, permitindo gozar dos viños do Condado do Tea acompañados de produtos da terra e do mar.
Música e actividades para todos os públicos
Como en cada edición, a música será unha das grandes protagonistas da Festa. As noites gastronómicas contarán este ano coas actuacións de Breo, Tiruleque, La Patrulla e Poi Floid o venres; Judit Mateo, Sheila Patricia, D’Crooners e Los Jinetes del Trópico o sábado; e As Miñeiras, Ni Fu Ni Fuck, A Banda do Sequío e Son das Tabernas o domingo.
A programación comezará o venres 28 de agosto ás 19:30 horas cunha actividade especialmente pensada para o público infantil e familiar: o espectáculo “Museo Encantado”, da compañía Dani García, cunha duración aproximada de tres horas. Ás 20:00 horas terá lugar a inauguración oficial da LXVII Festa do Viño do Condado do Tea Praza da no recinto amurallado, coa actuación da Banda de Gaitas Pontenova e da charanga “Nosokoas” polo recinto.
Ás 22:00 horas comezarán os concertos de Breo, Tiruleque, La Patrulla e Poi Floid, dando paso ás noites gastronómicas cos nosos viños e cos produtos da terra e do mar.
O sábado 29 de agosto a actividade comezará ás 10:00 horas coa Cata Oficial á procura dos deliciosos viños da denominación de orixe Rías Baixas. A partir das 12:00 horas abrirán os postos de comida, viño e produtos gastronómicos. Durante a tarde haberá actuacións da charanga “Nosokoas”, a batucada de Lenha Verde e, ás 19:30 horas, unha nova sesión do espectáculo familiar “Museo Encantado”.
A partir das 22:00 horas será a quenda dos concertos de Judit Mateo, Sheila Patricia, D’Crooners e Los Jinetes del Trópico, nunha nova noite gastronómica no recinto amurallado.
O domingo 30 de agosto estará especialmente dedicado á tradición e ao folclore. Ás 10:30 horas terá lugar o desfile de bandas de gaitas e grupos folclóricos e, ás 11:00 horas, a recepción das confrarías e autoridades na Praza do Concello, para posteriormente dirixirse ao recinto amurallado.
Ás 11:15 horas, no Salón de Plenos do Concello, celebrarase o acto de nomeamento dos novos confrades da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos, así como a declaración dos “viños deliciosos do ano”.
Ás 13:00 horas, xa no recinto amurallado, terá lugar a lectura do pregón, que nesta edición correrá a cargo de Rafa Durán, presentador, cómico e animador. A programación do domingo completarase coas actuacións das charangas “Nosokoas” e “Xuntanza”, Lenha Verde e, ás 19:00 horas, os concertos de As Miñeiras, Ni Fu Ni Fuck, A Banda do
Sequío e Son das Tabernas.
Catas comentadas e Túnel do Viño
A actividade da Festa do Viño do Condado do Tea comezará xa durante a semana previa coa celebración das tradicionais catas comentadas, nas que as diferentes adegas participantes ofrecerán degustacións dos seus viños de maneira gratuíta.
As catas terán lugar entre o luns 24 e o venres 28 de agosto, no recinto amurallado, e estarán dirixidas polas propias adegas participantes. As prazas serán limitadas e será necesaria inscrición previa.
Ademais, o Túnel do Viño volverá abrir as súas portas os días venres 28 e sábado 29 de agosto, no Museo da Ciencia do Viño, en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 18:00 a 21:00 horas.
Por un prezo de 15 euros por persoa, o público poderá degustar unha ampla selección dos viños da subzona do Condado do Tea, nunha actividade que permite coñecer a diversidade e riqueza da produción vitivinícola da zona.
As inscricións tanto para as catas comentadas como para o Túnel do Viño deberán realizarse a través do teléfono 617 148 866 ou do correo electrónico museocienciavino@concellodesalvaterra.org.
Con esta programación, Salvaterra de Miño prepárase para vivir unha nova edición dunha celebración xa consolidada como unha das citas imprescindibles do verán galego, que combina a promoción dos viños do Condado do Tea coa gastronomía, a música, a cultura, o patrimonio e actividades para todas as idades

