- O Pleno municipal aproba aumentar o Servizo de Axuda no Fogar ata as 80.400 horas anuais, o que supón un incremento do 20 % da capacidade prevista.
- O Concello xa atende o 100 % das persoas con grao III e a metade do grao II, e investirá case 650.000 euros adicionais para acadar a cobertura total de ambos os dous graos.
- Paralelamente, o Goberno local inicia o procedemento para incautar a fianza de 89.955 euros á anterior empresa adxudicataria por incumprimentos contractuais.
O Concello de Ponteareas continúa avanzando nun dos principais compromisos sociais asumidos polo goberno municipal ao inicio do mandato: incrementar progresivamente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para reducir a lista de espera e garantir a atención das persoas con maior grao de dependencia.
O Pleno municipal aprobou unha nova ampliación do contrato do SAF de dependencia que permitirá incorporar ata 13.400 horas adicionais ao ano. Con este incremento, o servizo pasará das 67.000 horas inicialmente contratadas a un máximo de 80.400 horas anuais, o que supón aumentar nun 20 % a capacidade prevista da prestación.
Esta nova ampliación prodúcese despois do importante incremento de cobertura xa conseguido. Actualmente, o Concello atende a todas as persoas con grao III de dependencia e, aproximadamente, á metade das persoas con grao II. O seguinte obxectivo é continuar incorporando usuarios ata avanzar cara á cobertura total de ambos os dous graos que teñan recoñecido o servizo.
O obxectivo ao inicio do mandato foi reducir progresivamente a lista de espera do SAF, empezando por quen máis precisa este servizo. Hoxe “temos atendido todo o grao III e aproximadamente a metade do grao II, e esta nova ampliación permitiranos dar un paso decisivo para seguir incorporando ás persoas de grao II”, destacou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
Máis horas para atender a máis persoas
A necesidade de ampliar o servizo está respaldada polos informes dos Servizos Sociais municipais, que constatan o incremento da demanda, a práctica utilización das horas actualmente dispoñibles e a existencia dunha importante lista de agardar.
A modificación comezará a aplicarse desde o 1 de setembro de 2026, unha vez completados os trámites necesarios, e permitirá incorporar durante a duración inicial do contrato un máximo de 23.450 horas adicionais de atención. O esforzo económico asociado a esta ampliación acada un máximo de 647.454,50 euros, IVE incluído, distribuídos entre os exercicios 2026, 2027 e 2028. O resultado final é un contrato que supera anualmente os dous millóns de euros.
“Detrás de cada hora que ampliamos hai unha persoa dependente que pode recibir atención na súa propia casa e unha familia que conta cun apoio fundamental. Por iso imos continuar destinando recursos ao SAF e avanzando na redución da lista de espera”, sinalou Nava Castro.
Reunións informativas nas parroquias
Paralelamente á ampliación do servizo, o Concello está a desenvolver reunións informativas coas persoas usuarias do SAF e os seus familiares nas diferentes parroquias de Ponteareas, co obxectivo de manter un contacto directo con quen recibe diariamente esta prestación.
Nestes encontros explícanse as características do Servizo de Axuda no Fogar, o seu funcionamento, as prestacións que comprende e o procedemento para acceder ao mesmo, ademais de resolver directamente as dúbidas expostas polos veciños. A acollida destas reunións está a ser moi positiva por achegar os Servizos Sociais municipais ao rural e escoitar directamente as necesidades e propostas dos usuarios.
“Non queremos limitarnos a ampliar horas. Queremos estar preto das persoas que utilizan o SAF e das súas familias. A acollida está a ser moi boa e imos continuar desenvolvéndoas polas parroquias”, explicou a alcaldesa.
Reclamación de responsabilidades á anterior adxudicataria
No mesmo Pleno aprobouse tamén o inicio do procedemento para determinar as posibles responsabilidades pendentes da anterior adxudicataria do SAF, ÓBOLO S. Coop. And. de Interese Social, antes de resolver a súa petición de devolución da garantía definitiva de 89.955 euros, que permanece depositada na Tesouraría municipal.
Os informes incorporados ao expediente sinalan que, tras as penalidades xa impostas á anterior contratista por importe de 22.506 euros (xa executadas), persistiron incumprimentos contractuais relevantes e o Concello tivo que asumir gastos extraordinarios para garantir a continuidade do SAF.
Ante esta situación, acordouse formular unha proposta provisional de incautación da totalidade da fianza (89.955 euros). O procedemento garantirá o correspondente trámite de audiencia á empresa e, unha vez determinadas as responsabilidades acreditadas, o expediente volverá ao Pleno para resolver definitivamente.
“A nosa prioridade é garantir un SAF cada vez máis amplo e de maior calidade. Ao mesmo tempo, temos a obrigación de defender os intereses municipais e esixir, con todas as garantías legais, as responsabilidades que correspondan”, concluíu Nava Castro.

