Mos conmemora o Día Internacional das Persoas Maiores cunha formación gratuíta para mellorar as competencias dixitais
As sesións, dirixidas a persoas maiores de 55 anos, celebraranse os días 2 e 9 de outubro na Casa Reitoral de Petelos
Mos, 26 de setembro de 2026
O Concello de Mos conmemorará o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, cunha formación gratuíta destinada a persoas maiores de 55 anos para facilitar o uso das novas tecnoloxías e mellorar a súa autonomía no día a día.
A actividade forma parte do programa EXPERTCLICK, unha iniciativa da Asociación Española de Banca e da Fundación AEB que ofrece formación práctica en competencias dixitais, adaptada aos diferentes niveis de coñecemento das persoas participantes.
As sesións terán lugar os días 2 e 9 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas, na Casa Reitoral de Petelos. As persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 48 7786.
Ao longo da formación abordaranse cuestións de utilidade para a vida cotiá, como a configuración e o uso do teléfono móbil, as videochamadas, a descarga de aplicacións ou o acceso a museos virtuais, música e libros dixitais. Tamén se ensinará como realizar diferentes trámites pola internet, entre eles solicitar unha cita médica, descargar un certificado electrónico, realizar operacións de banca dixital ou facer compras seguras en liña.
A proposta busca que as persoas participantes poidan utilizar a tecnoloxía con maior seguridade e confianza, especialmente en aquelas xestións que cada vez se realizan con máis frecuencia a través de Internet.
As persoas interesadas en solicitar esta formación poden obter máis información ou formalizar a súa participación no teléfono 986 48 77 86.
Unha data para reivindicar a participación das persoas maiores
O Día Internacional das Persoas Maiores foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1990. A conmemoración pretende recoñecer a contribución das persoas maiores á sociedade e chamar a atención sobre os retos asociados ao envellecemento da poboación.
Desde o Concello de Mos quérese aproveitar esta data para poñer o foco tamén na necesidade de facilitar o acceso das persoas maiores ás ferramentas dixitais, nun contexto no que numerosos servizos, trámites e formas de comunicación se realizan xa por esta vía.
A formación pretende ofrecer recursos prácticos para que as persoas participantes poidan desenvolverse con maior autonomía nestes ámbitos, sen que a idade ou o nivel previo de coñecementos tecnolóxicos sexan un impedimento.

