Redacción
   
   
   
   
   

REDONDELA CONMEMORA O DÍA DA SAÚDE MENTAL CON TEATRO E REIVINDICACIÓN SOCIAL

– O Auditorio da Xunqueira acollerá o venres, día 9, ás 19:30 horas, a representación da obra de teatro “Neura”. Antes da función darase lectura ao manifesto a cargo de Lenda Saúde Mental. A mostra “Os ollos da mente” completa a proposta con esculturas que teñen a saúde mental como fío condutor.

Redondela, 7 de outubro de 2026. O Concello de Redondela súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Saúde Mental, que é o 10 de outubro. Na véspera, o día 9, o Concello programa unha obra de teatro no auditorio da Xunqueira. Será coa peza “Neura”, da compañía De Ste Xeito, que aborda con intelixencia, humor e sensibilidade as complexidades da mente humana. Definida como unha comedia “neurótico-festiva”,  está protagonizada por Stephy Llaryora e Sergio Macías baixo a dirección de Manuel Pombal. A cita, recomendada para maiores de 12 anos, será ás 19.30 horas con entrada de balde ata completar o aforo.

O acto central comezará coa lectura do manifesto polo Día da Saúde Mental elaborado pola Asociación Lenda Saúde Mental, que colabora activamente nesta xornada reivindicativa.

A alcaldesa, Digna Rivas, reiterou o compromiso do Goberno local con esta causa: “A saúde mental é un dereito fundamental de todas as persoas, sen excepción, e as administracións públicas temos a obriga moral e política de tender pontes, crear espazos de diálogo e dar un apoio real aos colectivos que, como Lenda, realizan un traballo imprescindible os 365 días do ano.” Poñer o foco nas súas demandas a través da cultura e a arte “é a mellor forma de achegar esta realidade á cidadanía e combater os prexuízos”. Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa, puxo o foco no carácter transversal e urxente das políticas de benestar psicolóxico: “O noso obxectivo é que esta xornada sexa un espazo de escoita activa e de concienciación.”.

Exposición “Os ollos da mente”

Como complemento ao teatro o Multiúsos acolle a mostra “Os ollos da mente”. Trátase dunha proposta paralela desenvolvida polo taller TerraSabi e a compañía De Ste Xeito. A mostra consiste nunha serie de pezas escultóricas creadas pola artista ourensá afincada en Suíza, MJ Domínguez, coa saúde mental como fío condutor.  A exposición poderá visitarse ata o 27 de outubro.

Comparte este artigo