A Volta dos Pinchos remata a súa segunda edición con 3.000 pinchos servidos en Mos
A ruta, na que participaron quince establecementos do municipio, desenvolveuse do 9 ao 31 de outubro baixo o lema «Mos, bar a bar»
Mos, 4 de novembro de 2026
A Asociación de Hostalería e Turismo de Mos (BaresMos), co apoio do Concello de Mos, pecha a segunda edición de “A Volta dos Pinchos” cun balance de 3.000 pinchos servidos durante os catro fins de semana nos que se desenvolveu a iniciativa. A ruta, que rematou o pasado sábado 31 de outubro, contou coa participación de quince establecementos hostaleiros de distintas parroquias do municipio.
A cifra de 3.000 pinchos servidos reflicte a resposta do público a unha proposta que convidou veciños e visitantes a percorrer a hostalería local baixo o lema «Mos, bar a bar». A iniciativa desenvolveuse de xoves a sábado, cun pincho a un prezo de ata 2 euros en cada local.
Ambientada nunha viaxe por estrada inspirada na Ruta 66, esta edición propuxo descubrir os bares de Mos etapa a etapa, acompañando a experiencia coa mensaxe de consumo responsable «Se bebes, non conduzas».
O tapaporte, novidade desta edición
Unha das novidades deste ano foi a incorporación do tapaporte, un pasaporte gastronómico que permitía completar a ruta con só catro selos. Ao remate da iniciativa contabilizáronse 500 tapaportes selados.
Ademais, cada consumición tiña agasallo: un chisqueiro, un bolígrafo ou un chaveiro da ruta, detalles pensados para acompañar a experiencia dos participantes.
Quince establecementos participantes
Nesta segunda edición participaron quince locais repartidos por diferentes parroquias de Mos: Adega O de Pé, Anglee Gastro Cultural, As Pedriñas, Asador Edán, Bar Casa Veiga, Bar Curuxeira, Bar Maceira, Café Bar Faquiña, Café Bar Os Castros, El Rincón de Dessy, Hamburguesería Carletto, Mesón Argentino, Ta-Pra, Tapería Baxiña e Tapería Flora.
Cada establecemento elaborou un pincho propio para a ocasión e estableceu o seu horario de participación, permitindo que cada persoa organizase o percorrido ao seu ritmo e coñecese diferentes propostas da hostalería local.
Celebrado o sorteo final de premios
O sorteo final da ruta celebrouse esta mañá entre os tapaportes completados, no que participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira Julia Loureiro, e Manuel Seijo, presidente de BaRes Mos.
Nesta ocasión repartíronse os seguintes premios:
* Tres vales de gasolina de 50 euros.
* Tres vales gastronómicos de 50 euros para consumir en tres dos establecementos participantes.
* Dous pases de karting para dúas persoas, en consonancia coa temática automobilística que inspirou esta edición.
As persoas premiadas serán contactadas telefonicamente no número que facilitaron no tapaporte ao longo destes días para convocalos para a entrega dos agasallos, que será o domingo, 8 de novembro, durante a celebración das Xornadas Forestais e Micolóxicas, no Pazo de Mos.

