O Concello de Covelo organiza esta fin de semana unha programación especial con propostas para diferentes públicos, combinando a celebración do Magosto-Samaín, actividades de igualdade, teatro e unha visita guiada a un dos principais referentes patrimoniais do municipio.
A programación comezará o sábado 7 de novembro, ás 18:00 horas, coa celebración do Magosto-Samaín de Covelo 2026, baixo do Pavillón Municipal. A festa contará con chouripán, castañas e un ambiente pensado para compartir e desfrutar en comunidade.
Ademais, haberá unha zona de xogos tradicionais para os máis pequenos e música tradicional galega a cargo de Cos Troula e Retranqueiras de Barcia de Mera. As persoas asistentes poderán traer a súa propia bebida, xa que a organización ofrecerá viño e auga.
A programación continuará ás 19:30 horas, na Sala Multiusos do Concello, co Escape Room pola Igualdade “Estrelas”, unha experiencia de escapismo na que as mulleres máis apaixonantes da historia son as protagonistas. A actividade está dirixida a todos os públicos e recomendada a partir dos 12 anos.
Xa ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a representación teatral “Señores”, unha comedia machirula da compañía Ste Xeito, incluída no programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.
A programación trasladarase o domingo 8 de novembro ao ámbito patrimonial, cunha nova xornada de portas abertas para visitar a Reitoral e a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, que forman parte do Conxunto Abacial de Barcia de Mera.
Esta será a derradeira visita con portas abertas deste ano 2026 e ofrecerá aos veciños e visitantes a oportunidade de coñecer máis polo miúdo este destacado conxunto eclesiástico, tanto os exteriores como os interiores da reitoral e da igrexa parroquial.
O pase será único, ás 16:00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. As prazas son limitadas e será necesaria inscrición previa no teléfono 654 500 652.
Esta actividade está organizada polo Concello de Covelo e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.
Con esta programación, o Concello continúa promovendo actividades que permiten dinamizar a vida cultural e social do municipio, ao tempo que se pon en valor o patrimonio local e se ofrecen alternativas de lecer para diferentes idades e intereses.
Unha fin de semana para compartir tradicións, participar na vida cultural e descubrir o patrimonio de Covelo.

