A alcaldesa de Marín reúnese co INVIED para abordar o futuro das parcelas de Virxe do Carme da súa titularidade

Redacción

O encontro produciuse o luns pola tarde na Casa do concello e contou coa presenza da directora do Instituto, María Ángeles Cano Díaz

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a directora xerente do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED), María Ángeles Cano Díaz, presidiron este luns pola tarde unha comisión técnica que se desenvolveu no Concello de Marín para estudar a situación actual na que se atopa o convenio que afecta a varias parcelas situadas na Barriada Virxe do Carme e que son titularidade do ente estatal.

Tal e como expresou a alcaldesa despois do encontro, o obxectivo do mesmo era poder valorar a zona in situ, analizando as características das parcelas adaptadas ás valoracións actuais e poñendo sobre a mesa os obxectivos futuros tanto a nivel urbanístico como de planificación de proxectos.

Estudados os expedientes, tanto o INVIED como o Concello traballan conxuntamente na actualización de documentación administrativa que permita coordinar as necesidades de desenvolvemento propostas polo ente local nesta zona coas necesidades burocráticas requiridas polo Instituto.

De xeito concreto, a alcaldesa trasladou á directora do mesmo e ao resto dos técnicos presentes na reunión que o Concello foi beneficiario da nova senda financeira FEDER da Unión Europea con preto de 6 millóns de euros, parte dos cales irán destinados a un proxecto de rexeneración urbana da contorna da Barriada.

Exponse a creación dun corredor verde entre o barrio e a senda del Río Lameira, con pavimento permeable, mobiliario urbano e zonas de descanso, e buscarase a mellora da accesibilidade e a conexión barrio-centro urbano, mellorando as rúas Mestre Landín, Souto, Busto de Abaixo e Calzada.

Nas próximas semanas, seguiranse dando pasos neste sentido. A alcaldesa quixo agradecer a boa disposición do INVIED para aliñarse cos obxectivos municipais e poder así mellorar todo a área no que están enmarcadas as parcelas titularidade do Instituto.

Comparte este artigo