A Banda de Música Xuvenil de Torroso leva o nome de Mos ata León na Xuntanza de Bandas de Música

Redacción

A Banda de Música Xuvenil de Torroso participará este sábado, 18 de xullo, na Xuntanza de Bandas de Música, un encontro que reunirá na cidade de León formacións procedentes de Galicia, Castela e León e da Comunidade Valenciana. A agrupación de Torroso compartirá escenario coa Banda Xuvenil da Societat Unió Musical de Carlet (Valencia) e coa Banda de Música Reino de León, anfitrioa desta edición.

A programación arrancará ás 11:30 horas cun pasarrúas polas rúas do centro histórico de León, con saída desde a Praza Don Gutiérrez. Xa pola tarde, as tres formacións ofrecerán un concerto conxunto, nunha cita que ten como obxectivo fomentar o intercambio musical, a convivencia e o enriquecemento artístico entre as novas xeracións de músicos.

A participación da Banda de Música Xuvenil de Torroso supón unha nova oportunidade para proxectar o talento musical de Mos fóra de Galicia e poñer en valor o traballo formativo que desenvolve a entidade. Este tipo de encontros permiten aos mozos e mozas compartir experiencias con outras bandas, ampliar horizontes e seguir medrando tanto no plano musical como no persoal.

O Concello de Mos felicita á Banda de Música Xuvenil de Torroso, á súa dirección, ao profesorado e ás familias polo compromiso e o esforzo que fan posible a presenza da formación neste tipo de iniciativas, que contribúen a fortalecer os lazos culturais entre territorios e a difundir o nome de Mos a través da música.

Con esta participación, a Banda de Música Xuvenil de Torroso continúa consolidándose como unha das grandes embaixadoras culturais do municipio, levando o nome de Torroso e de Mos a un encontro que reunirá bandas xuvenís de distintos puntos de España e que converterá a cidade de León nun espazo de convivencia arredor da música.

Comparte este artigo