A Biblioteca Municipal de Mos María Magdalena amplía horario e abre 12 horas diarias ininterrompidamente, de 10 da mañá a 10 da noite

adminON
Lectura mínima de 6

Esta ampliación de horario chega coa recente apertura das novas instalacións, xa rehabilitadas mediante unha reforma integral que marca un antes e un despois

Desde a concellería de Cultura do Concello de Mos que dirixe a edil Sara Cebreiro, infórmase da ampliación do horario de apertura da Biblioteca Municipal María Magdalena que, a partir do vindeiro luns 4 de marzo, retrasará ás 22.00 horas o horario de peche, co que a biblioteca permanecerá aberta diariamente durante 12 horas de xeito ininterrompido: de 10.00 horas da mañá a 22.00 horas da noite, de luns a venres.

Ampliación de horario que fora suxerido por algúns dos moitos universitarios que acoden a estudar frecuentemente a estas dependencias municipais e que se impón agora, aproveitando a recente apertura das novas instalacións da xa rehabilitada biblioteca, que vén de abrir as súas portas ao público na súa histórica ubicación na Porteliña, tras de ser obxecto dunha reforma integral que marca un antes e un despois para este edificio, pois supuxo un cambio radical no mesmo.

Desde a súa reapertura na Porteliña, hai cousa dun mes aproximadamente, a Biblioteca Municipal María Magdalena xa acolleu diversas actividades organizadas polo Concello como un obradoiro de deseño de marcapáxinas precisamente sobre a poeta mosense que lle dá nome, María Magdalena. E mañá mesmo será esceario dun obradoiro creativo sobre Rosalía de Castro dirixido a cativos e cativas de 6 a 12 anos. Nel contextualizaranse a persoa e obra de Rosalía, despois, deseñaranse libretas de cartón con diferentes elementos e pintarase un debuxo dela coma portada. Tamén farán un marcapáxinas onde os máis maiores do grupo lerán para todos catro fragmentos dalgunhas das súas obras, puidendo escribir no marcapáxinas as verbas; e os pequenos decoralo ao seu gusto e xeito.

Neste senso a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, informou da previsión de organizar, como vén sendo costume durante os últimos anos, diversas iniciativas lúdicas e didácticas os vindeiros meses na biblioteca, sobre todo dirixidas á cativada; tales como contacontos, espectáculos infantís, dinámicas de grupo… etc.

A importante reforma integral experimentada pola Biblioteca Municipal foi posible grazas a sendas subvencións da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. A obra contou con proxecto da arquiteca mosense, con diversos premios de arquitectura, Estefanía Grandal.

A casa das letras mosense leva o nome da principal representante das letras de Mos, sendo María Magdalena, gran poeta da Louriña que falecía o 18 de agosto de 2021 aos 99 anos de idade, unha muller de gran valía cultural e persoal.

A súa obra literaria completa está composta por obras en galego-poesía: Alborada do Val da Louriña 1986 (primeira edición), Colleita de soños tristes 1990, Alborada do Val da Louriña 1992 (segunda edición), Retrancas 1993, Sementeira de soños 1994, Amores na lúa 1998, Tempos de chorar 2001, A quen lle dou unha estrela? 2005, Alma de can 2009. Literatura infantil-xuvenil: O baúl das lembranzas, poemas para nenos, 2005. E obras en castelán-poesía: Un nuevo amanecer 1991, Como el manantial 1993, Mariposas de invierno 1994, En él doblaron lanas campanas 1998, Sueños de cristal 2001, Golondrinas en el cielo 2005.

María Magdalena Domínguez Domínguez, gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, faleceu tras unha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. “Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística” salienta a alcaldesa Nidia Arévalo quen asegura sobre esta muller exemplar que: “foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. A poeta de Mos, da miña mesma parroquia, foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. A miña máxima gratitude a María Magdalena. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores, polo que as grazas cara a ela son infinitas.”

Biografía de María Magdalena

Naceu en Mos e desde moi nova foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Dedicou moitos dos seus poemas ao seu marido, entre outros ‘Alborada do Val da Louriña’, que tardou 30 anos en publicarse, en 1986. As súas primeiras lecturas e inspiracións, tomounas xa na escola lendo a Rosalía de Castro, con quen quedou moi impactada. Tamén admiradora de Daniel R. Castelao e Álvaro Cunqueiro entre outros. Nunha ocasión participou nunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao ‘Os vellos non deben namorarse’, engadindo ela ao título “das mozas novas”, versión que se segue conservando. O Concello de Mos, no ano 2016 rendeulle unha homenaxe polo seu 94 aniversario, recoñecendo o seu mérito ao ser unha das tres mellores poetas galegas autodidactas.

Comparte este artigo