- A proba deportiva terá lugar o luns 3 de agosto, ás 17:00 horas, con saída e meta na Alameda
- As persoas interesadas en participar poden inscribirse, ata as 23:59 horas do 31 de xullo, en: https://gl.deporticket.com/web-evento/13629-i-milla-urbana-das-festas-do-monte
O vindeiro luns 3 de agosto, ás 17:00 horas, A Guarda acollerá a celebración da I Milla Urbana das Festas do Monte, unha nova proba atlética que nace coa vocación de converterse nun referente deportivo dentro das tradicionais Festas do Monte.
A competición disputarase sobre a distancia clásica da milla (1.609 metros), nun circuíto urbano que percorrerá algunhas das principais rúas da vila, con saída e meta na Alameda. A proba servirá, ademais, como unha magnífica antesala dunha das citas máis emblemáticas do calendario guardés: a tradicional subida ao Monte Santa Trega, integrando deporte, convivencia e tradición nun mesmo evento.
A carreira está aberta a participantes de todas as idades, con categorías adaptadas desde os máis pequenos ata atletas sénior e veteráns, fomentando así a práctica deportiva e a participación de toda a veciñanza. Os máis pequenos poderán gozar de carreiras adaptadas ás súas idades, con percorridos de 100, 300 e 800 metros, mentres que as categorías absolutas competirán sobre a distancia da milla.
Para maior comodidade das persoas participantes, a organización habilitará servizo de duchas nas instalacións do IES A Sangriña ao remate da competición.
As inscricións permanecerán abertas ata o 31 de xullo ás 23:59 horas, podendo formalizarse a través da plataforma de Cronotec en: https://gl.deporticket.com/web-evento/13629-i-milla-urbana-das-festas-do-monte . O prezo da inscrición será de 3 euros para a categoría Elite e de 2 euros para o resto das categorías.
Coa posta en marcha da I Milla Urbana das Festas do Monte, A Guarda reforza a súa aposta pola promoción da actividade física e a dinamización das súas festas tradicionais mediante iniciativas que unen deporte e turismo.

