O servizo, que ten coma obxectivo garantir e promover a conciliación familiar e laboral, concluíu o luns acollendo o tramo final das Xornadas Familiares sobre Igualdade no Tempo de Lecer, que contaron cuns 150 participantes
O alcalde, Jacobo Pérez, incide en que esta prestación “vai continuar sendo unha prioridade para o Goberno municipal”
Caldas de Reis puso o broche de ouro ao verán en chave lúdica e educativa cunha gran festa o pasado 31 de agosto. Foi o luns candos e clausurou unha nova edición da Ludoteca, promovida pola Concellería de Igualdade co obxectivo de facilitar e promover a conciliación familiar da veciñanza durante os meses de verán. En total, arredor de 300 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos cubriron as prazas ofertadas desde principios de xullo a finais de agosto. A través deste servizo, plenamente consolidado xa polo Goberno local, promovéronse diferentes actividades para a rapazada, nas que, ademais da diversión e o entretemento, o foco estaba posto en valores e cuestións vencelladas ao respecto polo medio ambiente ou o coñecemento da contorna. A Ludoteca de Verán desenvolveuse nas dependencias do CPI Alfonso VII e incluíu, ademais de xogos e talleres, varias excursións.
O programa pechouse coa Olimpíada Familiar e unha merenda de despedida. Ademais, a Ludoteca tamén acolleu o tramo final das Xornadas Familiares sobre Igualdade no Tempo de Lecer, que se desenvolveron entre o sábado e o luns e que resultaron todo un éxito.
Foron arredor de 150 os nenos, nenas, nais e pais que tomaron parte nesta proposta, dirixida a fomentar a conciliación, o lecer lúdico e a educación en valores de igualdade. Inicialmente, estaba previsto que a
programación do sábado tivese lugar ao aire libre, pero as condicións meteorolóxicas obrigaron a trasladar a cita ao Pavillón Municipal. Alí, houbo hinchables, espectáculos de humor e tamén a oportunidade para elaborar os Murais Corresponsables, con temática en favor da igualdade de oportunidades para homes e mulleres. As xornadas concluíron o luns coa participación dos e das integrantes da ludoteca.
O alcalde, Jacobo Pérez, sinalou que ferramentas coma estas son indispensables para garantir a conciliación familiar, “un servizo que para este Goberno local é unha prioridade”

