A Piscina Municipal Óscar Pereiro de Mos xa está aberta ao público

Redacción

A instalación ofrece nado libre de 8:00 a 14:00 horas ata o 15 de setembro e, a partir do día 16 recupera o seu horario habitual, xunto co inicio dos cursos e actividades acuáticas

A Piscina Municipal Óscar Pereiro de Mos xa está novamente aberta ao público desde hoxe, 1 de setembro, tralo parón estival.

Con motivo da reapertura, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Felisa Rodríguez, achegáronse hoxe ata a piscina municipal para comprobar de primeira man o funcionamento das instalacións e o inicio da nova tempada.

Durante os primeiros días de apertura, e ata o 15 de setembro, a piscina funcionará en horario de 8:00 a 14:00 horas, destinado ao nado libre.

A partir do 16 de setembro, a instalación recuperará o seu horario habitual e comezarán tamén os cursos e actividades na piscina. Os horarios serán os seguintes:

* Luns, mércores e venres: de 8:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas.

* Martes e xoves: de 8:00 a 22:00 horas, de maneira ininterrompida.

* Sábados: de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

Deste xeito, a Piscina Municipal Óscar Pereiro retoma a súa actividade habitual para a nova tempada, combinando o nado libre cos cursos e actividades acuáticas.

As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, actividades ou funcionamento da piscina poden chamar ao 986 33 4070.

Desde o Concello de Mos anímase á veciñanza a facer uso das instalacións municipais e a aproveitar a oferta deportiva da piscina ao longo da nova tempada.

Comparte este artigo