A estreita colaboración entre a Policía Local de Mos e a Garda Civil permitiu tamén deter un home de 34 anos sobre o que pesaba unha orde xudicial de busca, detención e presentación emitida por un xulgado de Oviedo
A Policía Local de Mos detivo un home de 49 anos como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras localizar no seu poder 26 envoltorios con substancias presuntamente estupefacientes.
Os feitos ocorreron arredor das 17:25 horas do 8 de setembro na estrada Porriño-Redondela, ao seu paso por Sanguiñeda, nunha zona sometida a vixilancia policial pola presenza habitual de persoas consumidoras de drogas.
Durante unha patrulla, dous axentes observaron dúas persoas debaixo dun lavadoiro e moi próximas entre si. Ao decatarse da presenza policial, separáronse rapidamente, polo que os axentes procederon a identificalas e comprobar as súas pertenzas.
Nun envoltorio de plástico negro que portaba unha delas, os axentes localizaron 24 doses de pequeno tamaño, envoltas individualmente en papel de aluminio, e outros dous envoltorios, un mediano e outro de maior tamaño, que contiñan a mesma substancia pulverulenta de cor marrón, presuntamente heroína e pendente de análise.
A substancia atopábase fraccionada e preparada en doses, unha presentación compatible coa súa posible distribución. Xunto a ela, os axentes localizaron 210 euros en efectivo, repartidos en billetes de 50, 20 e 10 euros.
Durante a intervención tamén se interviñeron un teléfono móbil, dúas navallas e dúas pipas destinadas ao consumo de substancias. Unha das navallas tiña unha lonxitude de 20 centímetros e unha folla de nove centímetros.
A segunda persoa identificada manifestou ser consumidora. Tras comprobar as súas pertenzas, os axentes verificaron que non portaba substancias estupefacientes e que unicamente levaba utensilios relacionados co consumo.
A cantidade de doses, a forma en que se atopaba fraccionada a substancia, a presenza dos dous envoltorios de maior tamaño e o diñeiro en efectivo levaron á Policía Local a proceder á detención do home como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
O detido foi trasladado á Xefatura da Policía Local de Mos, onde se instruíron as correspondentes dilixencias. Unha vez rematada a actuación, foi entregado, xunto cos efectos intervidos, á Garda Civil de Mos para a súa custodia e posterior posta á disposición xudicial.
A intervención enmárcase no labor de vixilancia e prevención que a Policía Local desenvolve nas zonas do municipio especialmente afectadas polo consumo de drogas.
Colaboración coa Garda Civil de Mos
Por outra banda, froito da estreita coordinación e colaboración existente entre a Garda Civil e a Policía Local de Mos, axentes deste último corpo levaron a cabo esta mañá unha nova detención. Tras recibir un aviso da Garda Civil, os policías desprazáronse ata un establecemento do municipio, onde localizaron e detiveron un home de 34 anos sobre o que pesaba unha orde xudicial de busca, detención e presentación emitida por un xulgado de Oviedo.
O detido foi trasladado á Xefatura da Policía Local, onde se practicaron as correspondentes dilixencias, e posteriormente foi entregado á Garda Civil de Mos para a continuación das actuacións.

