A actuación iniciouse ao detectar un vehículo sen a ITV en vigor e permitiu intervir 110 comprimidos destinados a potenciar a función sexual, catro billetes presuntamente falsos e 680 euros en efectivo
Axentes da Policía Local de Mos detiveron o pasado 25 de agosto un home de 34 anos como presunto autor dun delito contra a saúde pública e dun delito leve de falsificación de moeda.
A actuación produciuse arredor das 12:30 horas na rúa Ludeiro, na parroquia de Tameiga, cando unha patrulla da Policía Local detectou un turismo que circulaba sen ter a inspección técnica de vehículos en vigor.
Tras darlle o alto, os axentes comprobaron que o condutor, único ocupante do vehículo, presentaba un elevado estado de nerviosismo. Esta circunstancia levou os policías a realizar unha inspección exhaustiva do turismo, na que localizaron diversos efectos presuntamente relacionados con actividades ilícitas.
Durante o rexistro, os axentes atoparon nun bolso propiedade do condutor catro billetes de 50 euros presuntamente falsificados, por un valor total de 200 euros.
Tamén interviñeron 110 comprimidos de procedencia estranxeira destinados a potenciar a función sexual e que non estaban autorizados para a súa comercialización en España. A súa procedencia era da India.
Ao tratarse de medicamentos introducidos á marxe das canles legais de distribución e dispensación, carecían das garantías esixibles en canto á súa procedencia, composición, conservación, trazabilidade e control sanitario. O seu consumo sen supervisión médica e sen coñecer con certeza a súa composición ou as condicións nas que foran conservados podía representar un risco para a saúde.
Xunto a estes potenciadores sexuais, os axentes localizaron outros 30 comprimidos de diferentes medicamentos.
A Policía Local tamén atopou 680 euros en billetes de curso legal de diferentes valores. A elevada cantidade de comprimidos, xunto coa presenza de diñeiro fraccionado, levou os axentes a considerar que existían indicios compatibles cunha posible actividade de distribución ou venda de medicamentos fóra das canles legalmente establecidas.
Ante o conxunto de indicios recadados, a Policía Local de Mos procedeu á detención do condutor como presunto autor dun delito contra a saúde pública e dun delito leve de falsificación de moeda, e informouno dos dereitos que lle asistían.
O detido foi trasladado á Xefatura da Policía Local de Mos, onde os axentes realizaron as correspondentes dilixencias policiais, documentaron a intervención e formalizaron a aprehensión dos medicamentos, do diñeiro e do resto dos efectos relacionados cos feitos investigados.
Unha vez rematada a instrución das dilixencias, a Policía Local trasladou o detido, xunto coa totalidade dos efectos intervidos, ao Posto da Garda Civil de Mos para a súa custodia e posterior posta á disposición da autoridade xudicial, que se produciu ao día seguinte.
A rápida intervención dos axentes da Policía Local permitiu retirar da circulación máis de 100 comprimidos carentes das necesarias garantías sanitarias, ademais de detectar catro billetes presuntamente falsificados e unha cantidade relevante de diñeiro fraccionado.
Este tipo de actuacións enmárcanse no compromiso permanente da Policía Local de Mos coa protección da saúde pública, a prevención de actividades ilícitas e a seguridade da cidadanía, así como na necesaria coordinación e colaboración co resto das Forzas e Corpos de Seguridade.

