A portavoz do PSOE no Congreso anima ás galegas e galegos a apostar con Besteiro polo cambio na Xunta de Galicia despois de anos de inacción do PP

adminON

Esther Peña participou en Nigrán nunha xuntanza de traballo coa candidatura socialista da provincia nas eleccións do 18F e mantivo un encontro coa militancia da comarca do Val Miñor

A portavoz do PSOE no Congreso, Esther Peña, manifestou en Nigrán o seu convencemento de que Galicia apostará polo cambio nas eleccións autonómicas do 18F e apoiará a José Ramón Gómez Besteiro “despois de anos de desidia e inacción do Partido Popular, que leva tempo mostrando, agora con Rueda, o seu esgotamento e debilidade, incapaz de enfrontar os retos que ten a autonomía”. Peña, acompañada polo seu compañeiro no Grupo socialista no Congreso e Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, David Regades, e pola candidatura socialista, coñeceu en profundidade as inquedanzas da militancia do Val Miñor con quen mantivo un encontro no que tamén participaron os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Francisco Ferreira, e o responsable do PSOE en Baiona, Carlos Gómez.

David Regades informou a Esther Peña da posta en marcha dos proxectos na provincia de Pontevedra, investimentos liderados polo Goberno de España “fronte a unha Xunta do PP inexistente e que castiga permanentemente a esta provincia”. O Secretario Xeral fixo un repaso ás infraestruturas que dependen do goberno central, que segue a dar pasos sostidos para cubrir os grandes eixos de comunicación como solucionar a paralización do PP da variante de Cerdedo, o avance continuo da conexión ferroviaria Sur, as melloras do Eixo Atlántico ou as peaxes da AP9 que cos actuais orzamentos de 2024 terán unha bonificación de ata o 75%. “Cuestións todas elas, subliñou Regades, que permiten o desenvolvemento socioeconómico da provincia, así como os fondos europeos que nos concellos da provincia de Pontevedra só chegan grazas ao impulso do Estado xa que a Xunta só reparte os fondos que xestiona con criterios partidistas”.

Regades tamén agradeceu a Peña o esforzo que está a realizar o Goberno de España cos proxectos de dixitalización, transición ecolóxica, turismo ou reto demográfico, “que están a mellorar a vidas das persoas especialmente nos concellos pequenos do rural”. Igualmente valorou a aposta pola política industrial para a provincia “coa que a Xunta do PP ten un apagón total”, e destacou entre outras “a excelente noticia que ofreceu estes días a Ministra Teresa Ribera en Vigo onde confirmou a moi alta tensión para Stellantis ou os Pertes do Estado que son a base do futuro crecemento industrial”.

Pola súa banda, a portavoz do PSOE no Congreso fixo tamén fincapé no “orgullo socialista de ser o partido que se ocupa das persoas” e sinalou, entre outras, a aposta do goberno central coas pensións, cunha suba na provincia de Pontevedra que supuxo que a pensión media evolucionara este ano ata os 1.268 euros, “281 euros máis que en 2018”. Esther Peña tamén puxo o foco nas cifras de afiliación a Seguridade Social “con máis de 371.000 persoas ocupadas na provincia, 22.000 máis que en 2018”, os máis de 84.000 contratos indefinidos, un 170% máis que en 2019, as 30.813 veciñas e veciños da provincia que xa perciben o ingreso mínimo vital, as 30.000 persoas beneficiarias do bono social eléctrico ou as 22.000 con abonos gratis de transporte”. “O compromiso do Goberno de España é claro coa provincia de Pontevedra, sinalou Peña, e non ten parangón cos anos e anos de gobernos do PP no Estado e na Xunta que maltratou sistematicamente a esta provincia”.

Comparte este artigo