Terá lugar durante toda a mañá e participan 50 persoas con discapacidade intelectual de toda a comarca, máis do dobre que o ano pasado
Do 24 ao 26 de maio Patos será escenario por terceiro ano consecutivo do Campionato de España de Parasurf clasificatorio para o Mundial para persoas con discapacidade física
“Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade en toda España e do surf universal. Esta competición ofrécenos cada ano unha lección de vida “, explica o alcalde, Juan González
Apraia de Patos será escenario mañá da ‘IV Copa Concello de Nigrán’ de surf adaptado. O areal acolleu hoxe a presentación desta competición adicada ás persoas con discapacidade intelectual e tamén a do ‘V Campionato de España de Parasurf’ para deportistas con discapacidade física (clasificatorio para o Mundial, e que se pospón ao 24, 25 e 26 de maio ante as poucas olas desta fin de semana). Ambos eventos están promovidos desde Quenlla Surf Clube (único clube galego adicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Concello de Nigrán, Xunta, Fundación Bimba y Lola e Grupo S4.
“Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade en toda España e do surf universal. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano. Ofrecennos unha lección de vida e de superación únicos”, explicou o alcalde, Juan González.
Deste xeito, o areal será escenario mañá desta proba lúdica e non competitiva na que todos gañan e na que participan 50 persoas con discapacidade intelectual de todo Vigo e comarca, máis do dobre que no 2023. Serán 2 horas de competición, de 11 a 13:00, en mangas de 6 deportistas cada 15 minutos. Como cada ano, asistirán usuarios do Club Quenlla, CEE Juan María, Fundación Menela, Igualarte, Centro San Francisco e, por vez primeira, o C.E.E San Rafael. Para moitos deles será a primeira vez que se suban a unha táboa.
“Confiamos en que unha vez que o surf sexa declarado como deporte olímpico se teña por fin en conta á discapacidade intelectual, porque agora só é oficial o parasurf adicado á discapacidade física”, explica Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor deste campionato que consigue que cada vez máis persoas con diversidade se animen a surfear.
“O surf é paciencia, é perseverancia, é disciplina, intelixencia… No surf non teño rivais, teño compañeiros, porque un só ten a altura deportiva dos rivais cos que se mide, e nese sentido teño aos mellores: son exemplos de superación e de vida”, explicou aos presentes Senén Jalda, deportista afectado desde a infancia cunha parálise cerebral que lle afecta á motricidade. El será un dos deportistas da comarca que participe no Campionato de España de Parasurf despois de quedar cuarto o ano pasado, cando só levaba un par de meses practicando. “O surf é unha forma de vida. O surf é a vida e para os surfistas a vida é o surf”, concluíu na presentación do campionato esta mañá.

