A primeira xuntanza entre Manu Lourenzo e Luís López avanza proxectos para Soutomaior por valor de 675.000 euros

adminON
Lectura mínima de 3

O proxecto de humanización da praza da aldea, presentado polo concello de Soutomaior por valor de 170.000 euros,  aprobarase na xunta de goberno de mañá da Deputación Provincial.

Manu Lourenzo mantivo a primeira reunión co Presidente da Deputación, Luís López. Un encontro, que tivo lugar esta mañá no Pazo Provcinial, e onde ambos mandatarios, destacaron o bo clima e bo entendemento no que transcorreu esta reunión.

Manu Lourenzo trasladou ao Presidente a necesidade de abordar melloras na estrada de Soutomaior ao seu paso polo núcleo urbano de Arcade.  O alcalde dixo, tras este encontro, que “salo da certeza de que, alén dos proxectos políticos que representamos cada un, hai un interese que está por enriba de todo iso, no caso que me ocupa o interese é Soutomaior e saimos desta xuntanza con moitos proxectos e coa certeza de convenios moi importantes para o noso concello e que entendemos que son esenciais como a estrada de Soutomaior ao seu paso polo núcleo urbano de Arcade ou a Praza da Aldea entre outros”.

En relación coa Praza da Aldea Manu Lourenzo confirmou que o Presidente da Deputación lle informou de que mañá venres vai a Xunta de Goberno a mellora da accesibilidade e humanización da Praza da Aldea en Arcade de Riba. Uns traballos dotados cun investimento de 170 mil euros.

Os proxectos presentados polo Goberno de Soutomaior como o da carreira dos bolos, a Praza da Pedreira ou a mellora dos parques infantís do concello tamén están enriba da mesa grazas a iniciativa do concello e a colaboración da Deputación Provincial. Tal e como dixo esta mañá o alcalde “coa colaboración entre as administracións e a boa xestión se conseguen cousas boas e positivas para o concello”. 

Manu Lourenzo lembrou nesta xornada o investimento de máis de 60 mil euros que o goberno local levará a cabo no campo de fútbol do Soutomaior Graciano Padín que se financiará integramente con cargo ao plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. Lourenzo tamén fixo fincapé na contratación de máis de 20 persoas que xa están realizando tarefas administrativas, de limpeza e mantemento no concello de Soutomaior.

O alcalde de Soutomaior tamén abordou a situación dun proceso xudicializado dos fondos ReacPon polos que a Deputación debería abonar unha cantidade de 350 mil euros ao concello de Soutomaior.

Manu Lourenzo engadiu, tras este encontro, que “traballamos nestas xestións e  na colaboración entre as diferentes administracións, para que a veciñanza de Soutomaior se beneficie de obras e proxectos que van mellorar moito a súa vida.  Saio moi satisfeito desta xuntanza polo bo clima, polos proxectos xestionados e polas importantes liñas de traballo que iniciamos a futuro”.

Comparte este artigo