• O Goberno local de Redondela apoia as demandas da petición, que se rexistrou esta mañá oficialmente no Concello co apoio de 1.308 sinaturas. Na reclamación cidadá detállanse as graves deficiencias nas liñas de autobús “con frecuencias moi limitadas que dificultan a asistencia a consultas médicas e probas diagnósticas”.
• A alcaldesa, Digna Rivas, advirte que o Concello paga neste mandato máis de 180.000 euros á Xunta de Galicia polo convenio de transporte metropolitano. Con todo, a nosa veciñanza carece de liñas de autobús que cumpran cos estándares de calidade, eficacia e puntualidade que merece para acudir a un servizo tan básico como a sanidade.”
O Concello de Redondela amosou hoxe o seu respaldo total á petición cidadá presentada hoxe no rexistro. A iniciativa reclama unha intervención urxente “para garantir un acceso digno e igualitario por transporte público aos centros sanitarios de referencia: os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro”. A demanda expón que as conexións de autobús actuais son “totalmente insuficientes”. Entre as principais deficiencias técnicas detectadas que afectan ao día a día da cidadanía atópanse as frecuencias limitadas nos días laborables —o que dificulta acudir a consultas médicas ou probas diagnósticas— e a total inexistencia de servizo directo durante as fins de semana. Inmaculada Bastida, que recolleu as sinaturas co apoio de veciñanza e comercios, sinala que sumaron 1.308 apoios en poucos días “e poderían ser moitos máis se mantemos a recollida, porque é unha situación que nos afecta a todos”.
A alcaldesa, Digna Rivas, trasladoulle persoalmente o seu apoio e advertiu que os impostos dos redondeláns financian o transporte interurbano. “Non é admisible que este Concello leve pagados máis de 130.000 euros á Xunta de Galicia no que vai de mandato polo convenio do transporte metropolitano, aos que haberá que sumar uns 50.000 euros máis este ano, e que a realidade sexa que os nosos veciños e veciñas sigan sen ter un transporte público eficaz para algo tan básico e esencial como desprazarse ás consultas médicas nos seus hospitais de referencia”, sinalou a rexedora. Rivas incidiu en que esta carencia no transporte interurbano xera unha grave fenda social e económica, xa que obriga a depender do vehículo privado, afectando de maneira moi directa ás persoas maiores, a pacientes con mobilidade reducida e a todos aqueles cidadáns que non dispoñen de coche propio.
A demanda veciñal trasladarase á Xunta de Galicia, como administración competente en materia de transporte interurbano, esixindo un incremento de frecuencias de ida e volta e a implantación do servizo as fins de semana.

