A veciñanza de Sanxenxo deixa claro a Telmo Martín que “a balustrada de Silgar non se toca”

Redacción

Máis de 200 veciños e veciñas de diferentes parroquias, así como representantes de varios colectivos locais, participaron na mobilización convocada polo BNG para defender “o símbolo inamovible” que Telmo Martín pretende transformar en ‘inox’

O punto de encontro foi a Rosa dos Ventos, desde onde os e as manifestantes se desprazaron ata o final do Paseo, onde o PP proxecta eliminar a varanda de granito, e alí se organizou unha gran cadea humana ao longo de toda a balaustrada

Sanxenxo, 8 de maio de 2026.- Na tarde deste venres o tecido social de Sanxenxo volveu a deixar patente, como xa veu facendo desde o momento no que o Bloque Nacionalista Galego deu a coñecer as intencións de Telmo Martín, o seu rexeitamento á supresión “do símbolo inamovible de Silgar”. Así se demostrou na mobilización convocada polo BNG, na que participaron máis de 200 personas, entre as que se atopaban representantes de diferentes colectivos, ademais de veciños e veciñas de distintas parroquias do municipio, para deixar claro que “a balaustrada de pedra non se toca”. Esta convocatoria xurde como resposta á actuación anunciada polo Concello e a Xunta de Galicia que contempla a retirada do elemento de granito por unha varanda de aceiro inoxidable, tal e como consta no pliego de contratación.

A Rosa dos Ventos foi o punto de encontro deste movemento de protesta, que pretende, tal e como explicou o concelleiro e responsable local nacionalista, Adrián González, defender un elemento que non só é granito, senón tamén “o álbume de fotos máis grande de todo Sanxenxo”. O edil lembrou que “se a baranda falase contaría historias de milleiros de días de diferentes verán que xa non voltarán. Este espazo sempre foi a fronteira entre o mundo real e o paraíso de area. Non hai familia en Sanxenxo que non teña feito algunha foto coa praia de Silgar ao fondo e ese perfil de pedra inmortalizado”. Unha instantánea que, agora, por mor da política de cemento de Telmo Martín, corre serio perigo. O BNG insiste en que as explicacións dadas polo alcalde hai uns días “non son máis que unha fuxida cara adiante e un intento de recuar, pero os papeis son claros”. A día de hoxe na licitación segue a especificarse a retirada da pedra para instalar unha varanda de aceiro inoxidable. “A pretensión de Telmo Martín de poñer aceiro neste lugar é arrincar a alma á paisaxe. O que pedimos é que o alcalde deixe a balaustrada tranquila. O pobo de Sanxenxo non precisa de vangardas que borren a súa identidade, senón de medidas que garantan a conservación dos elementos que fan único este lugar”, sinalou Adrián González.

Desde a Rosa dos Ventos, a mobilización avanzou cara o lugar onde o Partido Popular pretende perpretrar unha actuación que conta cun rexeitamento social que quedou patente desde que o Bloque advertiu das intencións do alcalde. “A resposta da xente, co seu malestar e as súas críticas, obrigou ao alcalde a comparecer e dar unhas explicacións que non convencen a ninguén e a acusarnos de emitir bulos, cando nós nos remitimos en todo momento á documentación da obra para defender o mantemento dos elementos de pedra. Seguimos defendendo que hai opcións moito máis respectousas coa tradición e as características da contorna para mellorar a balaustrada, como alzar a propia pedra”, explicou o responsable local nacionalista á finalización da manifestación. Durante a concentración, baixo proclamas como “Aceiro Non, Pedra Si” ou “Telmo mentireiro, querías todo aceiro”, os e as participantes deixaron claro a Telmo Martín que “coa historia e a tradición de Sanxenxo non se xoga”. A manifestación finalizou coa realización dunha gran cadea humana ao longo do tramo da balaustrada que Telmo Martín quere converter en aceiro.

Comparte este artigo