A Xunta súmase á celebración do 25 aniversario da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade

Redacción

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto conmemorativo, onde destacou o apoio do Goberno galego a estes colectivos con axudas ao funcionamento e en equipamento

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Cerdedo Cotobade na celebración do 25 aniversario da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil desta localidade, onde incidiu na importancia deste colectivo como piar fundamental na atención ás emerxencias da contorna.

O director xeral puxo de manifesto o recoñecemento da Xunta ao labor dos servizos de emerxencias locais, un apoio que tamén se materializa cada ano con axudas ao seu funcionamento e en equipamento. O obxectivo é que estes efectivos conten cos recursos precisos para desenvolver o seu traballo a prol da seguridade e o benestar cidadá nas mellores condicións.
Para garantir un desenvolvemento eficaz do seu traballo, a Xunta apoia as AVPC a través de diferentes liñas de axuda. Unha delas céntrase no apoio específico para a dotación de material, que supuxo nos últimos anos un investimento superior aos 15 millóns de euros no conxunto de Galicia e a entrega de máis de 1.500 dotacións, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou kits de ferramentas, entre outros.

Esta medida súmase á liña anual destinada ao mantemento da súa actividade, que neste exercicio consolidou o incremento a 370.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos, 32 deles da provincia de Pontevedra con achegas que suman máis de 65.200 euros. A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Canto ao apoio á AVPC de Cerdedo Cotobade en achegas económicas e dotacións nos últimos anos, a contía supera os 126.000 euros. Entre o equipamento máis recente entregado cómpre sinalar un kit de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias, material loxístico de seguridade viaria, un remolque de emerxencias e unha tenda de campaña

Comparte este artigo