A Xunta visita a lonxa de Baiona para coñecer de cerca o proxecto “Baiona Mare Ludis et Natura”

Redacción

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou a lonxa da Confraría de Pescadores A Anunciada de Baiona, acompañada polo alcalde do municipio, Jesús Vázquez Almuíña; o concelleiro do Mar, Joaquín López; e o patrón maior, Roberto Cabral. Durante o percorrido, coñeceu a actividade destas instalacións e abordou cos representantes locais cuestións relacionadas co sector pesqueiro da vila.
Ángeles V. Suárez coñeceu de cercado a nova instalación de 90 paneis solares na cuberta da lonxa, dotada tamén dunha batería de acumulación e financiada ao amparo da orde de modernización de equipamentos portuarios, cofinanciada polo fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

A visita permitiu coñecer tamén o proxecto ‘Baiona Mare Ludis et Natura’, promovido polo Concello no ámbito do GALP Ría de Vigo-A Guarda. A iniciativa comprende unha embarcación multifuncional e equipamento audiovisual para actividades náuticas e tarefas de colaboración coa confraría, así como roteiros de sensibilización ambiental dirixidas a escolares e visitantes sobre a biodiversidade e os ecosistemas do litoral baionés.

Comparte este artigo