A asociación de comerciantes presentou xunto ao concelleiro Pablo Novas unha campaña que se desenvolverá entre setembro e decembro, con tres sorteos de cheques regalo para gastar nos establecementos asociados
Coa chegada do outono e o obxectivo de seguir fomentando as compras nos establecementos da zona, a Asociación de Comerciantes Marín Sur (ACEMAS) vén de presentar a súa Campaña de Outono, coa que repartirá un total de 450 euros en cheques regalo entre a súa clientela.
A iniciativa foi presentada diante do Mercado Municipal de Seixo coa presenza do concelleiro Pablo Novas e dos representantes de ACEMAS, Manuel Solla e Cristina Souto, que deron a coñecer os detalles desta nova acción de dinamización comercial.
A campaña desenvolverase durante os próximos meses, ofrecendo ás persoas que realicen as súas compras nos negocios asociados a posibilidade de participar en tres sorteos de 150 euros cada un, distribuídos en tres cheques regalo de 50 euros.
Deste xeito, ademais de premiar a fidelidade da clientela, a iniciativa busca incentivar que as compras se realicen nos establecementos de proximidade, favorecendo que a actividade económica e o consumo continúen repercutindo no tecido comercial da zona.
Tres sorteos entre outubro e decembro
A campaña contempla un calendario de tres sorteos que se celebrarán no Mercado Municipal de Seixo, onde se habilitará unha urna para depositar as rifas de participación.
As datas previstas son:
● Sábado, 3 de outubro: tres cheques regalo de 50 euros.
● Sábado, 7 de novembro: tres cheques regalo de 50 euros.
● Sábado, 5 de decembro: tres cheques regalo de 50 euros.
As rifas repartiranse nos establecementos asociados a ACEMAS durante os 14 días anteriores a cada sorteo, de maneira que a clientela poderá participar ao realizar as súas compras nos negocios adheridos á campaña.
En total, repartiranse nove cheques regalo por valor de 450 euros, que deberán destinarse a novas compras nos establecementos asociados, contribuíndo así a que os premios volvan repercutir directamente na economía local.

