Acto de inauguración da praza e escultura na honra do gaiteiro Ricardo Portela o vindeiro domingo 24 de maio

Redacción

Ernesto Filgueira, en calidade de Presidente da Comunidade de Montes de Viascón: “Dende a Comunidade de Montes queremos convidar a toda a veciñanza a participar na homenaxe ao mestre Ricardo Portela Bouzas, veciño senlleiro de Viascón, figura esencial da música tradicional galega e referente da música tradicional grazas ao seu “toque pechado”. Unha xornada para celebrar a noso folclore e o legado dun dos grandes nomes da gaita galega”.

A Comunidade de Montes de Viascón celebrará o próximo domingo 24 de maio unha xornada de homenaxe ao histórico gaiteiro Ricardo Portela Bouzas coa inauguración oficial da Praza e Escultura dedicada á súa memoria, nun acto que terá lugar ás 11:45 horas na Casa do Pobo de Viascón. O evento pretende converterse nun recoñecemento público á figura dun dos grandes referentes da música tradicional galega e á súa importante vinculación cultural co territorio.

A programación arrancará cunha mañá de pasarrúas a cargo dos grupos Grupo Tradicional Boavila, Marmurios de Leucoiña e AC Afoutes do Canón de Pau, que animarán as rúas de Viascón durante toda a mañá.

Entre as 11:00 e as 14:00 horas tamén poderá visitarse o museo da Asociación de Gaiteiros Galegos, situado detrás do Bar Manolo.

O acto institucional de inauguración da Praza e Escultura Ricardo Portela contará coa participación de:

  • Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade
  • Ernesto Filgueira Touriño, presidente da Comunidade de Montes de Viascón
  • Representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos
  • Familiares do gaiteiro Ricardo Portela
    Ao remate do acto ofrecerase un viño galego de confraternización para todas as persoas asistentes a cargo da Deputación Provincial.
    Ademais, durante esas datas poderá visitarse a exposición “Ricardo Portela, Inmorrente”, cedida pola Deputación de Pontevedra e comisariada por Óscar Ibáñez García. A mostra abrirá os días 27 e 29 de maio de 19:00 a 21:00 horas, así como o domingo 24 de maio de 11:00 a 13:00 horas.
    A iniciativa está organizada pola Comunidade de Montes de Viascón e conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade, Asociación de Gaiteiros Galegos, Ingeniería y Montajes Rías Baixas e Deputación de Pontevedra.
    Con este acto, Viascón renderá homenaxe permanente á memoria e legado musical de Ricardo Portela Bouzas, figura esencial da tradición gaiteira galega.
Comparte este artigo