– A mocidade da ESO mantivo un encontro coa alcaldesa, Digna Rivas, e coas técnicas municipais para coñecer o valor histórico que garda o Arquivo Municipal a través de documentos, planos antigos, fotografías e actas oficiais. A rexedora lembrou que o arquivo de Redondela é “un referente” a nivel estatal.
– Rivas destacou “a importancia destas visitas para que as novas xeracións sintan orgullo do seu pasado e comprendan o valor das institucións públicas”. A rexedora convidou ao resto de centros da localidade a facer uso destas ferramentas pedagóxicas e achegarse a estas instalacións “que e custodian a memoria viva de todos nós”.
O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa divulgación histórica e a formación da mocidade a través do programa de visitas escolares ás súas dependencias. Esta semana un grupo de alumnado de 3º da ESO do IES Mendiño realizou unha xornada de aprendizaxe activa que incluíu unha recepción oficial na casa consistorial e unha sesión de traballo no Arquivo Municipal.
Os estudantes foron recibidos pola alcaldesa, Digna Rivas, quen lles explicou de primeira man o funcionamento da administración local e o valor histórico que gardan tanto o Arquivo Municipal como o propio edificio da Casa do Concello. O alumnado visitou tamén as dependencias do Arquivo Municipal. Alí, guiados polas técnicas do arquivo, os rapaces e rapazas puideron mergullarse na historia da vila a través de documentos históricos, planos antigos, fotografías e actas oficiais. Tamén tiveron a oportunidade de consultar no antigo salón de plenos do Concello a prensa do seu ano de nacemento, o 2012. Isto permitiulles descubrir en primeira persoa o que acontecía en Redondela e no mundo naquel momento. As técnicas amosáronlles tamén o proceso de conservación, catalogación e consulta do patrimonio documental, espertando o interese da mocidade pola investigación local.
A alcaldesa destacou “a importancia destas visitas para que as novas xeracións sintan orgullo do seu pasado e comprendan o valor das institucións públicas”. Rivas agradeceu ao profesorado do IES Mendiño a súa iniciativa e convidou ao resto de centros educativos da localidade a facer uso destas ferramentas pedagóxicas e achegarse ás instalacións do Concello “que gardan e custodian a memoria viva de todos nós”.
Rivas eloxiou a gran labor que se fai desde o Arquivo redondelán, que é “un referente” a nivel estatal. A alcaldesa lembrou que o Ministerio de Cultura elixiu á súa responsable, Ana Gesteira Ponce, para representar aos arquivos municipais na nova Comisión Técnica de Arquivos de Administración Local (CTAAL). Xunto co arquivo de Lugo é o único representante de Galicia neste órgano.

