A visita terá lugar o xoves 9 de xullo ás 11.00 horas na zona da antiga caseta de turismo. Desde alí, Ana Pontón e Lucía Santos percorrerán o paseo Alcalde Blanco e a Praza de Abastos, onde manterán encontros coa veciñanza e co comercio local
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitará Marín este xoves 9 de xullo para participar nun acto de apoio a Lucía Santos, candidata á Alcaldía de cara ás eleccións municipais de 2027. Santos foi elixida por unanimidade na Asemblea Local celebrada o pasado 5 de xuño, dando paso así ao inicio dunha nova etapa política.
A visita comezará ás 11.00 horas na zona da antiga caseta de turismo. Desde alí, Ana Pontón e Lucía Santos realizarán un percorrido polo paseo Alcalde Blanco e pola Praza de Abastos, onde manterán encontros con veciñas, veciños e comerciantes para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e trasladarlles as propostas do BNG para o futuro de Marín.
Acompañadas por representantes da organización nacionalista, ambas destacarán a importancia de impulsar un proxecto que responda ás necesidades da vila e contribúa ao seu desenvolvemento socioeconómico.

