Baiona impulsa a corresponsabilidade nos coidados entre o alumnado a través do programa “corresponsabilidade en acción” ao amparo do plan corresposables

Redacción

O Concello de Baiona, a través da Concellaría de Igualdade, xa iniciou nos centros educativos do municipio que imparten Educación Infantil e Primaria os talleres «Coidados e corresponsabilidade: Xa é hora», enmarcados no programa «Corresponsabilidade en acción: Educación e sensibilización».

Esta iniciativa está cofinanciada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade, e ten como finalidade promover, desde as primeiras etapas educativas, unha aprendizaxe baseada na igualdade, a corresponsabilidade e a repartición equilibrada dos coidados e das tarefas domésticas.
Ao longo dos talleres, o alumnado traballa de xeito participativo e adaptado á súa idade sobre a importancia de compartir as tarefas e responsabilidades da vida cotiá, poñendo en valor os coidados como unha responsabilidade colectiva e fomentando relacións máis igualitarias tanto no ámbito familiar como no social.
A iniciativa pretende contribuír tamén á eliminación dos estereotipos e roles de xénero, favorecendo que nenas e nenos comprendan desde pequenos que coidar, colaborar e asumir responsabilidades é cousa de todas e todos.
A través desta proposta, o Concello de Baiona aposta pola educación como ferramenta fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, incidindo na necesidade de construír unha cultura da corresponsabilidade que permita unha distribución máis equilibrada dos tempos, os coidados e as responsabilidades.
Con iniciativas como esta, o Concello continúa traballando para que a corresponsabilidade deixe de ser só un concepto e convértase nunha práctica cotiá, porque nos coidados tamén é hora de compartir responsabilidades e construír igualdade.

Comparte este artigo