BNG defende ante o Goberno mobilizar todos os activos e alugueiros realmente sociais en Vigo ante a forte tensión do mercado

Redacción

Carme da Silva Méndez pide a Casa47, do Ministerio de Vivenda, poña todos os seus activos en réxime de alugueiro a prezos sociais para garantir o dereito á vivenda digna

A senadora do BNG sinala que, coa adxudicación das 67 vivendas en Vigo, Casa47 “está lonxe de promover prezos verdadeiramente sociais”

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, solicita ao Ministerio de Vivenda unha rectificación na estratexia que está a levar a cabo Casa47, entidade estatal, ofertando en Vigo vivendas a prezos de mercado. A organización nacionalista defende impulsar vivenda pública, poñendo a disposición todos os activos dispoñíbeis, a prezos verdadeiramente sociais e coordinación coa Xunta de Galiza -administración competente- e o Concello de Vigo para promover unha efectiva intervención pública no mercado de vivenda.

Após coñecer a adxudicación de 67 vivendas de alugueiro en Vigo, o Bloque Nacionalista Galego rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para solicitar toda a información ao respecto: número concreto de solicitudes recibidas, a localización dos activos, a procedencia dos mesmos, as características dos inmóbeis adxudicados, o equipamento e os prezos de cada un deles.

“Non podemos chamar vivenda social a pisos con alugueiros de 800 euros ao mes cando milleiros de persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda en Vigo” sinala.

Carme da Silva considerou especialmente preocupante a situación na cidade olívica onde existen máis de 10.000 persoas demandantes de vivenda protexida e, pola contra, CASA47 só adxudicou 67 das súas vivendas en Vigo.

Neste sentido, o BNG defende ante o Goberno “incrementar o número de vivendas destinadas a alugueiro social, poñendo a disposición todos os activos dispoñíbeis, a prezos verdadeiramente sociais, especialmente destinado ás persoas e familias con menos recursos, como mocidade ou pensionistas, entre outros colectivos”.

Do mesmo xeito, Carme da Silva lembra que a competencia en materia de vivenda corresponde á Xunta de Galiza e defende que as vivendas e todos os activos procedentes da SAREB -e os trasladados a CASA47- deben ser transferidos á Administración galega para a súa xestión como parque público de vivenda en réxime de aluguer social.

Urxen solucións reais

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou “medidas e solucións reais para facilitar de verdade o acceso social á vivenda e non apenas programas propagandísticos ou titulares”.

Igrexas denuncia como o problema da vivenda na maior cidade de Galiza continúa a agravarse de maneira “moi preocupante”. Neste sentido, sinalou que os últimos datos apuntan a que no último ano os prezos dos alugueiros aumentaron un 9,5% na cidade, case catro veces máis que a media galega, de maneira que alugar un piso de 80 metros cadrados xa supera os 950 euros mensuais.  Ao mesmo tempo, a oferta de vivenda para alugueiro continúa a reducirse en Vigo, con pouco máis de 260 inmóbeis dispoñíbeis, mentres os pisos turísticos e de tempada multiplican por oito esa cifra.

“Diante desta realidade vemos un Goberno español instalado na propaganda con iniciativas tan vistosas como radicalmente insuficientes como Casa47, unha Xunta de Galiza virada de costas e un Goberno municipal que non pasa das boas palabras mentres sigue de brazos cruzados”, reprochou.

“Non podemos tolerar que centos de familias e de mozas e mozos fiquen sen casa mentres temos en Vigo máis de 22 mil vivendas baleiras”, enfatizou o portavoz municipal nacionalista.

Comparte este artigo